-
Antecedentes:
O principal antecedente da norma hai que situalo na Lei 5/2013, de 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que no seu momento xa fora unha das leis autonómicas pioneiras en materia de I+D+i.
Con esta proposta, a nosa Comunidade busca colocarse á vangarda na regulación normativa da I+D+i, adaptándose ao marco europeo e tratando de aproveitar todas as pancas dispoñibles trala aprobación da Lei 17/2022, de 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, de 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación de España para dar resposta aos retos aos que se enfronta Galicia na actualidade.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A norma pretende establecer os alicerces para a Galicia do futuro: unha Galicia sustentada no coñecemento, a ciencia e a innovación, capaz de competir nunha contorna global e de liderar un modelo de desenvolvemento baseado na sostibilidade, a excelencia e a calidade.
A norma pretende dar resposta a problemas e retos tales como:
- A necesidade de reforzar os mecanismos de gobernanza, asegurando unha coordinación eficaz entre os distintos axentes do ecosistema de I+D+i.
- A mellora dos procesos de transferencia de coñecemento e tecnoloxía, favorecendo a conexión entre investigación, empresa e sociedade.
- A consolidación e profesionalización do persoal investigador, garantindo a súa estabilidade e desenvolvemento de carreira.
- O incremento do atractivo de Galicia como destino de investimento en ciencia e innovación, tanto a nivel nacional como internacional.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Nos últimos anos, Galicia experimentou unha evolución notable no ámbito científico, tecnolóxico e innovador, impulsada polas políticas públicas desenvolvidas pola Xunta de Galicia e polo compromiso e a excelencia do tecido profesional, universitario e empresarial que conforma o ecosistema galego de I+D+i.
Con todo, o rápido avance tecnolóxico e dixital a escala global, unido á crecente conciencia sobre a sustentabilidade ambiental e a viabilidade económica, expoñen novos desafíos que esixen unha actualización dos marcos normativos vixentes.
Neste contexto, a nova norma galega en materia de ciencia, investigación e innovación concíbese como unha evolución e modernización da Lei de 2013, co fin de adaptarse ás transformacións introducidas pola Lei estatal de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación de 2022 e responder as necesidades específicas do sistema galego de I+D+i.
-
Obxectivos:
Obxectivo xeral: a presente Lei ten por obxecto fortalecer, modernizar e consolidar o Sistema Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), co fin de situar a Galicia nunha posición competitiva a nivel nacional e internacional, promovendo un modelo de ciencia e innovación sustentable, aberta e plenamente integrada no desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma.
Obxectivos específicos:
- Talento e carreira investigadora
- Transferencia de coñecemento e innovación empresarial
- Infraestruturas científicas e tecnolóxicas
- Adaptación a novas tendencias científicas e tecnolóxicas
- Difusión territorial
- Ciencia aberta, responsable, ética e sustentable
- Financiamento estable da I+D+i
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe unicamente se contempla a aprobación da Lei
-
Rango da norma:
Lei