-
Antecedentes:
O artigo 10 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu número 2, contempla os recursos económicos das confrarías. Entre eles se atopan, segundo a letra f), as cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira, segundo as condicións que se establezan regulamentariamente.
Para tal fin, enténdese por excedente o exceso na cantidade dun recurso marisqueiro, que se pode orixinar nun punto de control tras os procesos de selección e clasificación, con respecto ás cantidades totais acordadas a extraer, para unha especie e nunha zona de produción concretas, polo conxunto das persoas mariscadoras que participen nese día determinado nas labores de extracción. En ningún caso estes excedentes poderán superar os topes establecidos no propio plan de xestión ou nas autorizacións mensuais emitidas pola consellería con competencias en materia de marisqueo.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
As confrarías de pescadores non poden recadar as cantidades obtidas pola primeira venda dos excedentes derivados da actividade marisqueira ata que a consellería con competencias en materia de pesca non regule, mediante orde, a súa xestión e comercialización, tal como dispón a disposición derradeira cuarta da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, cuestión que se pretende abordar y resolver coa a nova regulación.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A aprobación desta disposición regulamentaria permitirá as confrarias de pescadores dispoñer dun novo recurso económico para poder sufragar os gastos asociados á súa actividade.
-
Obxectivos:
Determinar os requisitos técnicos e as condicións e límites nas que se ten que producir a primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A disposición derradeira terceira do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, dispón:
"Consonte a disposición derradeira cuarta da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, as confrarías de pescadores non poderán recadar o recurso contemplado no artigo 53.1.i) en tanto non se proceda, mediante orde da consellería con competencias en materia de pesca, á determinación dos requisitos técnicos e das condicións e límites nas que se ten que producir a primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira".
En cumprimento do disposto nas citadas disposicións derradeiras, debe elaborarse unha disposición regulamentaria con rango de orde, sen que poda apreciarse outra alternativa.
-
Rango da norma:
Orde