Decreto polo que se regula o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Departamento: Consellería de Política Social e Igualdade - Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/09/2025 - 17/09/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, no seu artigo 20, incorpora o “principio de transversalidade da dimensión de xénero” en todas as políticas e accións desenvolvidas, coa dupla finalidade de promover a igualdade e eliminar as discriminacións entre mulleres e homes, e entre os criterios de actuación establécese o fomento da igualdade de oportunidades na política económica, laboral e social. 

    O título V recolle nun único artigo, o 147, os dereitos das mulleres no desenvolvemento rural e do sector marítimo-pesqueiro, poñendo de relevo que a Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco das súas competencias, promoverá o dereito á igualdade de trato e de oportunidades en todos os ámbitos, sempre desde unha perspectiva interseccional. Para ese fin, terá en conta, no deseño e desenvolvemento das políticas públicas, as realidades específicas que atinxen as mulleres nos espazos rurais e tamén no sector marítimo-pesqueiro. 

    Con este fin, no artigo 179 créase o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, como órgano colexiado de asesoramento, análise e seguimento da situación das mulleres rurais e do mar en Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Tal e como recolle o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, un dos ámbitos de intervención transversal é “a Igualdade de oportunidades para as mulleres rurais e do mar” e establece como reto “eliminar os obstáculos que representan unha dobre discriminación para as mulleres rurais e do mar e facilitarlles o acceso aos recursos necesarios para a súa autonomía nos distintos ámbitos”, ao que se acompañan diferentes prioridades de actuación entre as que se poden salientar: apoiar a autonomía económica e a mellora das condicións laborais das mulleres rurais e do mar; contribuír á participación social, ao apoderamento e á visibilización das mulleres rurais e do mar ou fortalecer os recursos e impulsar a planificación e a coordinación para a igualdade de oportunidades no medio rural.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Co presente decreto establécese a súa adscrición, a forma de designación dos seus membros e as normas de funcionamento, segundo o establecido no artigo 179.7 da Lei 7/2023, do 30 de novembro.

    Tal como establece a devandita Lei 7/2023, do 30 de novembro, corresponde a presidencia do Observatorio, en alternancia bianual, ás consellerías do Medio Rural e do Mar. Pola súa banda, a adscrición do órgano colexiado asumiraa a Consellería de Política Social e Igualdade en virtude das competencias en materia de igualdade establecidas no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade. Por isto, a secretaría do órgano atribuirase a unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da devandita Consellería de Política Social e Igualdade para poder centralizar a documentación do Observatorio, a coordinación entre as consellerías ás que lles corresponde a presidencia, así como o impulso administrativo necesario para a consecución dos fins do Observatorio.

    Este Observatorio contará cunha Sección do Rural e outra do Mar que servirán como órganos asesores e de análise da situación de ambos os eidos.

  • Obxectivos:

    Coa posta en marcha deste Observatorio prestaranse asesoramentos, análises ou seguimentos para calquera política pública da Administración autonómica e os seus entes dependentes, que teñen como obxectivo mellorar a vida das mulleres rurais e do mar ao longo de todo o seu ciclo vital, en todos os ámbitos da súa vida, especialmente no laboral, urbanístico, ambiental e de infraestruturas, saúde e educación, así como conciliación e ocio.

    Para a consecución deste obxectivo xeral desenvolveranse, entre outras, as seguintes funcións: recompilar, analizar e intercambiar información relevante que permita coñecer mellor a situación das mulleres rurais e do mar na Comunidade Autónoma, así como detectar as súas necesidades particulares; formular propostas e recomendacións sobre liñas estratéxicas e prioridades de actuación, especialmente no relativo ao seu acceso a postos directivos e de representación; promover foros de comunicación e de debate que permitan o encontro e a reflexión entre as diferentes entidades e axentes sociais e económicos involucrados na defensa dos dereitos das mulleres rurais e do mar; propor ás consellerías con competencias en medio rural e no mar a realización de campañas de sensibilización, de visibilización e de apoderamento das mulleres rurais e do mar.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Coa nova normativa preténdese cumprir o mandato legal establecendo a adscrición do órgano, a forma de designación dos seus membros e as normas de funcionamento.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 4