Decreto polo que se regula a creación da Rede de Dinamización da Cultura no Rural de Galicia, Rede Adival, e se regula o seu funcionamento

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Cultura

Departamento: Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude - Dirección Xeral de Cultura

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 04/06/2025 - 18/06/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Constitución española atribúelle aos poderes públicos a responsabilidade de facilitar a participación de todos os cidadáns na vida cultural (9.2) pero tamén de promover e tutelar o acceso á cultura (44.1). En coherencia con estes principios constitucionais, o Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, imponlles aos poderes públicos a obriga de facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida cultural. Igualmente, no artigo 27.19 recolle a competencia exclusiva de fomento da cultura sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

    Esta función cobra un significado esencial coa recente publicación da Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia, cuxo artigo 2 indica os factores de risco de exclusión cultural, entre os que se encontra o territorio. Neste marco xorde a iniciativa de creación da Rede de Dinamización da Cultura no Rural de Galicia, Rede Adival, co obxectivo de potenciar a oferta e o acceso á cultura neste ámbito, partindo dunha estratexia de cooperación e colaboración dos poderes públicos galegos coas entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no rural. 

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Este novo decreto desenvolve a Lei 3/2024, de 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia co obxecto de dar cumprimento a unha planificación cultural adecuada tendo en conta a totalidade do territorio e facilitando a participación cultural no rural tal como recolle o artigo 13 desta lei.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade deriva da propia Lei 3/2024, de 5 de decembro, tendo en conta que o territorio é un factor de exclusión social en tanto que supón unha limitación ás persoas de poderen acceder a servizos e actividades no ámbito cultural. O artigo 13 da devandita lei empraza ás Administracións públicas a ter en conta a estrutura territorial á hora de planificaren programacións culturais para que estas cheguen a todo o territorio, especialmente ás zonas rurais, en colaboración e diálogo coas entidades privadas e asociativas.

  • Obxectivos:

    Consonte aos obxectivos, principios e liñas de actuación da Lei 3/2024, do 5 de decembro, con este decreto preténdese potenciar a oferta e o acceso á cultura no rural de Galicia partindo dunha estratexia de cooperación e colaboración dos poderes públicos galegos con entidades sen ánimo de lucro que desenvolven as súas actuacións no rural.

    O obxecto da norma é a creación da Rede de Dinamización da Cultura no Rural de Galicia (en diante, Rede Adival), así como a regulación do seu funcionamento e procedemento de adhesión.

    A Rede Adival concíbese como a estrutura de recursos organizada e coordinada pola consellería competente en materia de cultura, da que poderán formar parte as entidades culturais privadas sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo dinamizar a actividade cultural no territorio rural de Galicia. Preténdese conectar ás entidades culturais e á Xunta de Galicia nunha rede de carácter voluntario que permita aumentar exponencialmente a oferta cultural de calidade neste ámbito.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existen.

  • Rango da norma:

    Decreto