Decreto polo que se regulan os centros de atención á infancia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Departamento: Consellería de Política Social e Igualdade - Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 14/04/2025 - 30/04/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social consonte ao disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de Autonomía.

    O actual Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia aprobouse no marco desta competencia e da normativa vixente no momento da súa publicación.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Transcorridos xa case 20 anos da súa publicación é imprescindible aprobar unha nova regulación desta materia que recolla e se adapte as realidades normativas actuais, tanto dende o punto de vista autonómico como estatal, garantindo que se contemple a evolución das políticas e das necesidades sociais.

    No ámbito autonómico: Lei 13/2008, de 3 de decembro, dos servizos sociais de Galicia; Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; Lei 5/2021, de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia; Decreto 245/2011, de 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais de Galicia e o Decreto 192/2015, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia; Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

    No ámbito estatal: Lei orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación; Real decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil; Real decreto 132/2010, de 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria.

    Polo tanto, trataríase dunha adaptación normativa e dunha regulación independente dos recursos de atención á infancia. 

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    O transcurso do tempo , a promulgación de nova normativa , a aparición de novas realidades sociais  e a consideración do ciclo 0-3 como a primeira etapa educativa fan necesaria e oportuna unha nova regulación dos centros de atención á infancia.

    Un novo decreto permitiría actualizar a normativa, establecendo criterios claros para todos os centros, independentemente da súa tipoloxía e asegurarían un nivel homoxéneo de atención para todos os nenos e nenas en Galicia.

  • Obxectivos:

    A futura norma ten por obxecto diferenciar a regulación dos centros de atención á infancia da regulación dos centros de menores e adaptala ao contexto actual.

    Esta distinción é fundamental para garantir que cada tipo de centro reciba a regulación específica para as súas necesidades, co fin de asegurar a calidade na atención, así como a protección dos dereitos dos menores en función das súas circunstancias. 

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Coa nova normativa pretendese unificar a tipoloxía dos diferentes centros de atención á infancia existentes na actualidade e  dar cabida a novas figuras xurdidas tanto no eido da conciliación como no ámbito demográfico.

    A norma debe garantir que todos os centros, tanto públicos como privados, cumpran coas mesmas esixencias de calidade, de modo que todos os nenos e nenas reciban a mellor atención posible independentemente do tipo de centro ao que asistan.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2