-
Antecedentes:
A Consellería de Sanidade ten o firme compromiso de impulsar a elaboración dunha proposta normativa de rango legal, co obxecto de avanzar na prevención e protección integral contra a violencia que sofren os/as profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia, os/as técnicos/as de emerxencias sanitarias e do 061. Nos últimos meses, tal persoal foi vítima de diferentes agresións de tipo físico e verbal. Esta conxuntura determina a necesidade de revisar os protocolos existentes e adoptar novas medidas para conter e evitar, no posible, a aparición de novos episodios de violencia ou condutas que poñan en risco a integridade dos/das profesionais.
Esta proposta desenvolverase entorno a tres eixes fundamentais, como son o reforzo das medidas de seguridade para os/as profesionais (con revisión dos protocolos actuais, o impulso dun Plan de prevención contra a violencia no ámbito sanitario e a ampliación da presenza do botón de alerta da plataforma Acude, para actuar ante eventuais situacións de risco), a ampliación dos colectivos protexidos (non só ao persoal do Sergas, tamén ao do transporte sanitario), a implementación de medidas para a protección xurídica integral das vítimas, así como a elaboración de plans específicos de formación e divulgación na materia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A implantación destas medidas ten por obxecto garantir a calidade da asistencia sanitaria e protexer os/as profesionais que desenvolven a súa actividade nos centros do Sistema Público de Saúde de Galicia e tamén os/as que realizan o transporte sanitario, evitando situacións ou condutas que poñan en risco a súa integridade, dotando ás autoridades competentes dos mecanismos normativos precisos para facer fronte á crecente vaga de agresións a profesionais, sanitarios/as e non sanitarios/as, e ás condutas disruptivas no exercicio das súas funcións no Sistema Público de Saúde de Galicia.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A violencia no lugar de traballo é recoñecida pola Organización Internacional do Traballo (OIT) como un perigo ocupacional, prevalente en certas profesións, que debe ser prevido e evitado, adoptando as correspondentes medidas de precaución.
A propia OIT e a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo recoñecen que os/as profesionais sanitarios/as están especialmente expostos/as a sufrir agresións e situacións de violencia.
Por tanto, cómpre adoptar as medidas legais precisas para dispor dos mecanismos axeitados cos que aumentar a protección dos/as profesionais do sistema público de saúde galego e garantir o normal desempeño da asistencia que prestan a todas as persoas usuarias.
-
Obxectivos:
Entre as medidas que adoptará o Goberno galego fronte as agresións ao persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia están as que, pola súa natureza, precisan da modificación de normativa de rango legal, nomeadamente, a Lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Así, cómpre modificar a lei para dispor a actuación de oficio da Administración ante calquera tipo de agresión, comunicando estes actos á Fiscalía; a personación da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia nos procedementos penais por delitos de atentado fronte ao persoal do Servizo Galego de Saúde; a previsión do asesoramento dos/das profesionais por parte da Asesoría Xurídica do devandito organismo; a creación dun Rexistro de actos de violencia no ámbito sanitario, impulsando ao tempo a elaboración dun Plan de prevención contra a violencia no eido sanitario; a modificación do capítulo de infraccións e sancións, para dar un tratamento singularizado a este tipo de condutas; ou a previsión do deber legal de ofrecer formación específica na materia ao persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como o establecemento dun servizo específico encargado de prestarlle apoio psicolóxico, entre outras medidas que se consideran necesarias co fin de asegurar o maior nivel posible de protección.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Desde o punto de vista regulatorio, cómpre ter en conta o marco normativo establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, polo que as medidas a adoptar deben ter o mesmo rango normativo. Este feito determina a elección do mecanismo normativo, descartando o nivel regulamentario agás para aqueles aspectos nos que a norma legal puidese precisar de desenvolvemento posterior.
Por outra banda, haberá aspectos que precisen doutras canles de implementación, como podería ser o caso das campañas de difusión ou concienciación respecto da necesaria colaboración cidadá para que a asistencia sanitaria se desenvolva nas mellores condicións de confianza e seguridade.
-
Rango da norma:
Lei