Decreto polo que se regula a composición e o funcionamento do Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Cultura

Departamento: Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude - Dirección Xeral de Cultura

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 18/03/2025 - 02/04/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Constitución española atribúelle aos poderes públicos a responsabilidade de facilitar a participación de toda a cidadanía na vida cultural (artigo 9.2) pero tamén de promover e tutelar o acceso á cultura (artigo 44.1).

    O artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia imponlle aos poderes públicos de Galicia a obriga de facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida cultural.

    Así mesmo, no seu artigo 27.19, o Estatuto de autonomía recolle a “competencia exclusiva en materia de fomento da cultura (...), sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución”.

    Neste marco constitucional e estatutario, aprobouse a Lei 3/2024, de 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia. O seu obxectivo é, por unha banda, promover as condicións para que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas e, pola outra, remover os obstáculos que a impiden ou dificultan. 

    A nova lei nace coa vocación de acadar estes propósitos poñendo unha énfase especial nas persoas nas que concorra algún dos factores de risco de exclusión cultural regulados no seu artigo 2. 

    Neste novo marco legal regúlase o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia como órgano colexiado, de asesoramento e participación institucional para, entre outros cometidos, levar a cabo un labor de seguimento da aplicación da Lei 3/2024, de 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia. 

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Este novo decreto, que será o primeiro desenvolvemento regulamentario da Lei 3/2024, de 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impúlsase co fin de regular un órgano, o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, cuxa creación e funcionamento son un imperativo legal.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade deriva da propia Lei 3/2024, do 5 de decembro. O artigo 22 establece que “se creará o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, como órgano colexiado de asesoramento e participación institucional que dependerá da consellería con competencias en materia de cultura“.

    Pola súa banda, a disposición final primeira establece un prazo de 2 anos para desenvolver a lei e crear este órgano.

    A oportunidade da norma é innegable, por canto representa o mecanismo axeitado para o seguimento e a aplicación do marco legal. O devandito mecanismo prevé integrar na súa composición a participación de actores implicados no sector cultural e no sector social, tanto público como privado.

  • Obxectivos:

    Coa posta en marcha deste Observatorio contarase cunha ferramenta que non só permitirá medir o impacto da lei, senón que ademais actuará como punto de encontro institucional para a análise do sector cultural galego en termos de accesibilidade e inclusión.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existen. 

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2