-
Antecedentes:
A Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación establece que as Administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizarán periodicamente probas para a obtención directa do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos.
A Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, introduciu importantes remodelacións no currículo e a organización do bacharelato, que foron desenvolvidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A normativa que actualmente rexe a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos está baseada na configuración curricular establecida no derrogado Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, motivo polo que cómpre actualizar a orde á nova ordenación curricular.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
O Decreto 118/2023, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que as probas para a obtención directa do título de bacharel que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso 2024-2025 se organizarán baseándose na configuración curricular establecida no Decreto 157/2022.
Tendo en conta o antedito, resulta precisa a actualización da orde actualmente en vigor.
-
Obxectivos:
Fixar no actual marco normativo as disposicións de carácter xeral que rexen a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Na disposición derradeira segunda do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar cantas disposicións sexan precisas no relativo á organización e materias propias do seu departamento e ao desenvolvemento do propio decreto.
Para o exercicio desta facultade, o rango de orde enténdese o máis apropiado a disposicións relativas á proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos, ao basearse na aplicación do citado decreto.
-
Rango da norma:
Orde