Decreto polo que se desenvolve o Título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude - Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/05/2023 - 16/05/2023

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    En virtude da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma Galega en materia de promoción do deporte e axeitada utilización do lecer, asistencia social e promoción do desenvolvemento comunitario segundo os títulos habilitantes contidos no artigo 27.22, 23 e 24 do Estatuto de autonomía de Galicia, materializouse o compromiso asumido polo goberno galego coa aprobación e publicación no ano 2012 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia. A Lei sentou as bases para a organización e distribución de competencias en materia de xuventude, a regulación xeral, entre outros, dos servizos á xuventude e da participación xuvenil, remitindo ao seu desenvolvemento regulamentario, sendo de aplicación ata o devandito desenvolvemento o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, en todo en canto non se opoña ao establecido na lei.

    Cómpre agora, abordar o devandito desenvolvemento, principalmente en aspectos tan importantes como a información xuvenil, as actividades de educación no tempo libre ou a formación neste ámbito,tendo en conta os cambios sociais que se produciron e que requiren da aprobación da nova norma regulamentaria.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A través da nova norma regulamentaria desenvolverase o Título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

    Neste senso, a nova norma desenvolverá e regulará con detalle determinados aspectos do texto legal, como os requisitos para a prestación dos distintos servizos á xuventude, incorporando unha nova regulación das escolas de educación no tempo libre e da condición de profesional da educación no tempo libre, tendo en conta a existencia das cualificacións profesionais e certificados de profesionalidade, unha nova regulación das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e os seus requisitos, unha nova ordenación das instalacións xuvenís e, por primeira vez, unha regulación dos carnés de servizos á xuventude.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Desde a entrada en vigor da Lei 6/2012, do 19 de xuño, en tanto non se aprobara a normativa de desenvolvemento, mantén a súa vixencia o  Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.

    Polo exposto, é necesario proceder ao seu desenvolvemento co fin de abordar a regulamentación pormenorizada dunha serie de aspectos para os que o propio texto legal esixe expresamente un desenvolvemento regulamentario, concretamente no seuTítulo II “Dos servizos á xuventude”, onde se regula a información xuvenil, a formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, as instalacións xuvenís e os carnés de servizos á xuventude, para poder contar dentro do marco legal cunha regulación máis moderna e adaptada á realidade actual do ámbito obxecto de regulación.

  • Obxectivos:

    Procede a tramitación dun decreto de desenvolvemento parcial, moi demandado, que regule de forma específica a información xuvenil e os seus novos perfís profesionais; a formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil co obxectivo de mellorar a calidade da formación das persoas educadoras, garantir un equipo formativo mínimo adecuado, adaptar a programación tendo en conta as cualificacións profesionais, incluir especializacións necesarias e establecer foros de encontro das escolas e administración; as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, incluíndo a condición de profesional da educación no tempo libre, ampliando o abano das actividades reguladas sobre todo os campamentos sen facer noite e regulando as ratios para as actividades; as instalacións xuvenís, incluíndo a necesidade da elaboración dun modelo educativo da instalación, a regulación da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia e a súa inclusión na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ); o carné xove e outros carnés de servizos á xuventude.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existen solucións alternativas xa que é preciso ditar as normas necesarias para desenvolver o Título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia e poder contar cunha regulación pormenorizada e adaptada á sociedade actual ao abeiro da norma legal.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1