-
Antecedentes:
O artigo 2 da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, modificada pola Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, regula que un dos fins do sistema educativo é capacitar para garantir a plena inserción do alumnado na sociedade dixital e a aprendizaxe dun uso seguro dos medios dixitais.
O Decreto 123/2021, do 2 de setembro, regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, que ten como referencia o Marco de competencias dixitais para a cidadanía, publicado polo Centro Común de Investigación (JRC, Joint Research Center) da Unión Europea, na súa versión DigComp 2.1, e incorpora as achegas pertinentes da versión 2.2 publicada en marzo de 2022.
A Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na súa exposición de motivos, apartado II, sinala a incorporación na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, dunha nova disposición adicional, co obxecto de establecer que as competencias dixitais no sistema educativo galego lle corresponden á consellería con competencias en materia de educación, tanto para o persoal docente, de acordo co seu marco específico de referencias de competencia dixital docente, como para o alumnado.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A competencia dixital implica o uso seguro, saudable, sostible, crítico e responsable das tecnoloxías dixitais para a aprendizaxe, para o traballo e para a participación na sociedade, así como a interacción coas devanditas tecnoloxías. Inclúe a alfabetización en información e datos, a comunicación e a colaboración, a alfabetización mediática, a creación de contidos dixitais (incluída a programación), a seguridade (incluído o benestar dixital) e as competencias relacionadas coa cidadanía dixital, a privacidade, a propiedade intelectual, a resolución de problemas e o pensamento computacional e crítico.
A capacitación dixital convértese nun elemento imprescindible para garantir a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social. Tendo en conta que a competencia dixital se desenvolve e adquire coas aprendizaxes nas distintas áreas educativas, resulta necesario recoñecer e acreditar a competencia dixital adquirida nas etapas educativas para a plena participación na sociedade actual e contribuír a mellorar o acceso ao mercado laboral por parte do alumnado.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Faise necesario que o sistema educativo dea resposta á realidade social e inclúa un enfoque da competencia dixital máis moderno e amplo, acorde coas recomendacións europeas relativas ás competencias clave para a aprendizaxe permanente.
En relación co anterior, a Xunta de Galicia desenvolve un ecosistema educativo de alto rendemento coa posta en marcha da Estratexia Educación Dixital 2030, que consta de 12 liñas estratéxicas que pivotan sobre dous eixes: xerar “un ecosistema” dixital nos centros educativos e formar tanto a profesorado como a alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías.
A acreditación de competencias dixitais é unha das accións de impacto definidas nesta Estratexia Educación Dixital 2030, enfocadas a unha maior presenza da educación dixital nas aulas co fin de acadar a cidadanía dixital plena.
-
Obxectivos:
Regular a acreditación da competencia dixital do alumnado mediante validación de estudos nas distintas etapas educativas de ensino non universitario ou ben por superación dunha proba específica de acreditación dos diferentes niveis establecidos no Marco galego de competencias dixitais.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Considérase que para cumprir o mandato normativo a mellor alternativa é desenvolvelo a través dunha norma con rango de orde.
-
Rango da norma:
Orde