Orde pola que se acorda a modificación do protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado por Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Chave365, para a súa extensión a persoas non residentes e para a mellora dos seus procedementos de xestión

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia - Amtega

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 18/03/2022 - 03/04/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado pola Orde do 6 de febreiro de 2014, regulou o sistema de claves concertadas Chave365 como mecanismo alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas. 

    A situación vivida nos últimos anos derivada da pandemia da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de simplificar os mecanismos de obtención de medios de identificación dixital para as persoas interesadas, e, en particular, a necesidade de habilitar mecanismos que non esixan a presenza física das persoas. 

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Cómpre adaptar o sistema de claves concertadas Chave365 para incorporar sistemas de identificación remota que faciliten a alta no sistema e simplifiquen os procedementos de xestión, especialmente para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes fóra de Galicia  teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A evolución actual das tecnoloxías de vídeo identificación permite utilizar estes sistemas para a verificación da identidade das personas interesadas garantindo as condicións de seguridade necesarias. Así, o Regulamento (UE) 910/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se deroga a Directiva 1999/93/CE, contempla a posibilidade de verificación da identidade do solicitante dun certificado cualificado utilizando outros métodos de identificación recoñecidos a escala nacional que garantan unha seguridade equivalente en termos de fiabilidade á presenza física.

    A normativa estatal desenvolveu esta opción na Lei 6/2020, do 11 de novembro, reguladora de determinados aspectos dos servizos electrónicos de confianza e na Orde ETD/465/2021, do 6 de maio, pola que se regulan os métodos de identificación remota por vídeo para a expedición de certificados electrónicos cualificados.

    Por outra banda, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo noveno que a Xunta de Galicia determinará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes fóra de Galicia e mais as entidades galegas asentadas fóra de Galicia teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables, con especial atención ás medidas necesarias para asegurar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas abondos para o acceso a tales servizos públicos dixitais. 

  • Obxectivos:

    Os obxectivos da modificación do protocolo son facilitar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas para axustalos ás necesidades dos cidadáns non residentes e actualizar o procedemento para facilitar as actuacións das persoas usuarias, mantendo en todo momento as medidas de seguridade inherentes ao mesmo.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia aprobouse pola Orde do 6 de febreiro de 2014, motivo este polo que non existe alternativa á elaboración do regulamento que se pretende, sendo necesario efectuar a súa modificación a través da correspondente orde.

  • Rango da norma:

    Orde