-
Antecedentes:
O antecedente inmediato o constitúe o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. O decreto lexislativo refunde a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
Nos 17 anos que seguiron á publicación das leis refundidas aprobáronse numerosas normas na materia, sendo as máis relevantes a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes; a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero; leis modificadoras do Estatuto dos Traballadores; Real Decreto lexislativo 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes de garantía da igualdade de trato no emprego e na ocupación; Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, sobre plans de igualdade e Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva, e a Directiva 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello relativa á conciliación da vida familiar e profesional dos proxenitores e coidadores.
Pola contra, o Decreto lexislativo 2/2015 non experimentou apenas máis modificacións que as puntuais operadas en materia de emprego público, a de certificacións de excelencia e a recente Lei 13/2021, do 20 de xullo, de avaliación de méritos no ámbito universitario e da investigación.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
As Leis 7/2004 e 2/2007 foron pioneiras e grazas a elas conseguíronse importantes melloras na igualdade entre mulleres e homes, pero segue sendo necesario continuar avanzando e renovar o compromiso da Xunta na súa consecución.
A lei proxectada pretende actualizar conceptos e adecuar a normativa ás máis recentes normas de dereito internacional e interno, e á doutrina e á xurisprudencia comunitaria e constitucional.
Igualmente pretende consolidar e afondar nas medidas existentes e introducir outras novas que contribúan a acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes no actual entorno laboral, social e económico, especialmente marcado pola incidencia da dixitalización.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A nova lei faise necesaria para reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na consecución da igualdade de xénero e para crear o marco legal axeitado para a súa promoción en todos os ámbitos competenciais da comunidade autónoma.
-
Obxectivos:
A nova lei terá entre outros obxectivos:
- Introducir novos conceptos procedentes da xurisprudencia constitucional e comunitaria.
- Actualizar os contidos normativos e introducir novas medidas en todos os ámbitos competenciais da comunidade autónoma: sanitario, educativo, laboral, emprego público, vida local, medio rural, cultura, lecer...
- Establecer actuacións en relación coa discriminación múltiple.
- Incorporar a idea de benestar laboral da muller.
- Regular a formación mínima en igualdade para a implantación de plans e medidas de igualdade laboral.
- Reforzar a igualdade de xénero en materia de dixitalización, con medidas para fomentar a formación en habilidades dixitais e o seu uso no traballo, así como de protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través dos medios tecnolóxicos.
- Regular o estatuto específico da muller rural e do mar.
- Regular programas municipais de cidade segura.
- Reordenar sistematicamente a regulación contida no Decreto lexislativo 2/2015 coa finalidade de concretar as obrigas da comunidade autónoma.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Toda vez que se pretende adecuar e mellorar a lexislación autonómica vixente en materia de igualdade, a aprobación dun novo texto legal resulta o único instrumento axeitado.
-
Rango da norma:
Lei