Orde pola que se regula o censo do solo empresarial de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 25/02/2019 - 18/03/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, ocúpase de que as iniciativas empresariais do sector industrial, de servizos relacionados co anterior e do comercial por xunto dispoñan, en primeiro lugar, do solo que precisan para a súa implantación en condicións vantaxosas; en segundo lugar, dun marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza; e, en terceiro lugar, de incentivos que fomenten a súa radicación en Galicia.

    Co ánimo de axustar a execución de solo empresarial á demanda real existente, a referida Lei, entre outras medidas, crea o censo de solo empresarial de Galicia como rexistro público de natureza administrativa.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Actualmente, no ámbito do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, non existe unha regulamentación sobre a materia obxecto da orde. Tan só están dispoñibles informacións parciais recollidas de xeito sectorial por asociacións, entidades ou promotores de parques empresariais.

    O censo do solo empresarial de Galicia ten como finalidade coñecer o solo realmente dispoñible e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes na Comunidade Autónoma, co obxecto de que sexa un instrumento de avaliación, planificación e actualización do solo empresarial de Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A elaboración do censo de solo empresarial de Galicia resulta necesaria para, de entrada, coñecer mellor a situación real da diversa tipoloxía das áreas empresariais existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, co fin de dispoñer de información actualizada para, posteriormente, realizar unha toma eficiente de decisións para incrementar a modernización e competitividade das zonas industriais, atraer investimentos, captar novas empresas e favorecer a creación de emprego e, todo iso, posibilitando intervencións de equilibrio territorial.

    A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, establece que a estrutura, o funcionamento, a documentación necesaria e os prazos para a inscrición no censo do solo empresarial de Galicia regularase por orde.

    A oportunidade da norma vén determinada por dispoñer por primeira vez dun marco normativo que regule a inscrición nun rexistro público e accesible de forma libre e gratuíta.

  • Obxectivos:

    O censo do solo empresarial de Galicia ten como finalidade coñecer o solo realmente dispoñible e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes na Comunidade Autónoma, co obxecto de que sexa un instrumento de avaliación, planificación e actualización do solo empresarial de Galicia.

    Para tales efectos, no censo de solo empresarial de Galicia inscribiranse todas as áreas empresariais que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como as áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Actualmente, no ámbito do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia non existe unha regulamentación sobre a materia obxecto da orde. Tan só están dispoñibles informacións parciais recollidas de xeito sectorial por asociacións, entidades ou promotores de parques empresariais.

  • Rango da norma:

    Orde