Decreto polo que se desenvolve o título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de Xuventude de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Departamento: Consellería de Política Social - Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 07/02/2019 - 21/02/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Comunidade Autónoma de Galicia tiña unha débeda pendente coa mocidade galega, xa que, dende a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia no ano 1981, moitas foran as tentativas de aprobar unha lei pensada por e para a xuventude, sen que chegase ningún proxecto a ver a luz.

    O Goberno galego adoptou o compromiso de sacar adiante unha Lei de xuventude, sendo consciente de que Galicia era unha das poucas comunidades autónomas de España que non dispoñía dun texto de rango lexislativo que recollese as principais demandas e necesidades da mocidade. A materialización dese compromiso levouse a cabo coa aprobación e publicación da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia que se ditou en virtude da competencia exclusiva que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte e axeitada utilización do lecer, asistencia social e promoción do desenvolvemento comunitario segundo os títulos habilitantes contidos no artigo 27, puntos 22, 23 e 24 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril pola que se aproba o Estatuto de Autonomía de Galicia.

    Transcorridos varios anos dende a entrada en vigor da citada lei, é necesario proceder ao seu desenvolvemento co fin de abordar a regulamentación pormenorizada dunha serie de aspectos para os que o propio texto legal esixe expresamente un desenvolvemento regulamentario, concretamente o Título II, “Dos servizos á xuventude”, onde se regulamenta a información xuvenil, a formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, as instalacións xuvenís e os carnés de servizos á xuventude.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Os aspectos que van ser obxecto de regulación a través do decreto polo que se desenvolve o título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia precisan dunha regulación actualizada que recolla os cambios producidos dende a aprobación do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, que, coa súa modificación en virtude do Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior, continúa a ser a norma de referencia na materia, sendo conscientes da necesidade da súa actualización.

    Neste senso, a nova norma desenvolverá determinados aspectos do texto legal, como os requisitos para a prestación dos distintos servizos á xuventude, incorporando unha nova regulación das escolas de educación no tempo libre, das profesionais de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e que recolle a realidade dos certificados de profesionalidade, unha nova regulación das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e os seus requisitos, unha nova ordenación das instalacións xuvenís e, por primeira vez, unha regulación dos carnés de servizos á mocidade.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade e oportunidade da súa aprobación vén determinada pola finalidade de cumprir o mandato legal de desenvolvemento regulamentario da Lei 6/2012, do 19 de xuño, así como de dotar os servizos á xuventude dunha normativa actualizada que recolla os cambios producidos ao longo de todo este tempo. Téntase abordar unha regulación clara e sistemática dos distintos aspectos regulados no título II da citada Lei.

  • Obxectivos:

    Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento regulamentario da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia no relativo ao seu título II "Dos servizos á xuventude", dotando este ámbito dunha normativa actualizada, moi demandada polo sector.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    En cumprimento do mandato establecido pola propia Lei 6/2012, do 19 de xuño, é necesaria a elaboración dun decreto para a regulación desta materia. Dada a especificidade da mesma, procede a tramitación dun decreto de desenvolvemento parcial que regule de forma específica:

    • A información xuvenil e os seus novos perfís profesionais.
    • A formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil. Preténdese mellorar a calidade da formación das persoas educadoras, garantir un equipo formativo mínimo adecuado, adaptar a programación tendo en conta as cualificacións profesionais, incluír especializacións necesarias e establecer foros de encontro das escolas e a Administración.
    • As actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil. Inclúese a condición de profesional da educación no tempo libre, amplíase o abano das actividades reguladas e regúlanse as ratios para as actividades.
    • As instalacións xuvenís. Inclúese a necesidade da elaboración dun modelo educativo da instalación, a regulación da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia e a súa inclusión na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ).
    • Os carnés de servizos á xuventude, como o carné xove e outros carnés (alberguista, internacionais).  

    Todo isto sen prexuízo de abordar ulteriores normas de desenvolvemento doutras materias recollidas na Lei de xuventude de Galicia.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1