Decreto de carácter regulamentario en materia de protección da paisaxe

Órgano ou entidade impulsora: Instituto de Estudos do Territorio

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio - Instituto de Estudos do Territorio (IET)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/07/2018 - 24/07/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia incorporou a crecente sensibilidade social pola paisaxe elevándoa a rango de lei por vez primeira en Galicia. Fíxoo desde a máis actual concepción desta, que emana do Convenio Europeo da Paisaxe, asinado en Florencia o 20 de outubro de 2000, cuxo instrumento de ratificación foi publicado no BOE núm. 31 do 5 de febreiro de 2008.

    A súa entrada en vigor supuxo un importante avance no recoñecemento xurídico da paisaxe en Galicia e na posta en marcha de políticas para a súa preservación, xestión e ordenación.

    A Lei de protección da paisaxe de Galicia pretendeu servir de marco de referencia para outras lexislacións sectoriais e os seus plans e programas que poidan influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, en especial cando afecten a determinados espazos de alto valor natural e cultural, sen prexuízo do que dispoñan as normas en cada materia, xa sexa ambiental, do patrimonio cultural, urbanística, agrícola, forestal, gandeira, turística ou industrial, ou o resto da lexislación sectorial de aplicación ao territorio.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Preténdese que o carácter novidoso da Lei de protección da paisaxe de Galicia non se converta a medio prazo nunha mera retórica e con tal fin desenvólvese o presente Regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia, que ten a función de desenvolver non só a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, senón tamén de regular aspectos da paisaxe que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade e oportunidade do decreto vén xustificada pola propia disposición derradeira primeira da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que establece que a Xunta de Galicia aprobará as disposicións regulamentarias de desenvolvemento dos contidos previstos nos artigos 11, apartado 4, e 14 da referida Lei, referidos aos supostos nos que se lles poderá esixir ás entidades promotoras de proxectos públicos ou privados, non sometidas á declaración e avaliación de impacto ambiental, a presentación dun estudo de impacto e integración paisaxística.

    De igual modo, o decreto aspira a que instrumentos como os plans de acción e os pactos pola paisaxe se integren dentro da estratexia da paisaxe, así como a deseñar o plan de participación pública en materia de paisaxe, co obxecto de fomentar mecanismos de participación dos cidadáns que contribúan á formación das políticas e estratexias de paisaxe.

  • Obxectivos:

    A Comunidade Autónoma de Galicia é hoxe consciente da importancia das nosas paisaxes e do deber que temos de preservalas, xa que se trata dun recurso patrimonial incuestionable que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais. A paisaxe proporciona o marco idóneo na súa concepción holística para abordar a comprensión e a análise do territorio, das políticas de desenvolvemento sostible necesarias para a súa posta en valor e dos procesos ecolóxicos que nel teñen lugar; porque a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o fiel reflexo dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural, dunha sociedade en relación harmónica co medio onde primen o uso racional do territorio, o aproveitamento sostible dos seus recursos, un desenvolvemento urbanístico respectuoso e o recoñecemento das funcións principais que xogan os ecosistemas naturais.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O desenvolvemento regulamentario dos contidos previstos nos artigos 11, apartado 4, e 14 da Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, máis que unha posible solución ou alternativa trátase dun imperativo legal, pois así se establece na disposición final primeira da Lei de protección da paisaxe de Galicia.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2