Orde pola que se desenvolve parcialmente o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, no relativo aos requisitos materiais e funcionais de determinados servizos

Órgano ou entidade impulsora: Consellería de Política Social

Departamento: Consellería de Política Social

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 08/06/2018 - 28/06/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    De conformidade co establecido no artigo 20.2 do Decreto 254/2011 de 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, o réxime de autorización previa exixirase a todos aqueles servizos, centros e/ou programas de servizos sociais, de acordo co devandito decreto e a normativa específica que os defina e regule.

    No caso dos centros de atención a persoas con discapacidade, ata o momento unicamente se dispoñía dunha definición da tipoloxía dos centros a autorizar na Orde do 18 de agosto de 2000, pola que se aproba o Estatuto básico de centros de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Dar unha resposta urxente á situación de baleiro normativo en relación cos requisitos específicos que deben cumprir para a súa autorización e funcionamento os servizos destinados a persoas con discapacidade.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, supuxo un avance importante cara á atención que as Administracións públicas prestan ás persoas que se atopan nunhas condicións de especial vulnerabilidade, necesitadas de apoios, ben para promover a súa autonomía persoal ou ben para dar resposta adecuada ao seu problema de dependencia.

    No marco desta normativa que concibe determinados servizos desde a perspectiva práctica da súa prestación e dirixidos a dous grandes colectivos, persoas maiores e persoas con discapacidade, e co fin de levar a cabo un desenvolvemento especializado da relación xenérica de servizos que figuran nela, na Comunidade Autónoma de Galicia apróbase o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, que regula especificamente tres carteiras de servizos: a carteira de servizos comúns, a carteira de servizos específicos e a carteira do asistente persoal. Dentro destas tres carteiras agrúpanse, á súa vez, distintas categorías de servizos en función do perfil e das necesidades de atención dos seus destinatarios.

    Dentro do novo marco normativo establecido pola Lei 36/2009, do 16 de decembro, e do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, mediante a aprobación desta orde realízase un desenvolvemento parcial do devandito decreto no relativo ao contido de determinados servizos incluídos na carteira destinados a persoas dependentes con discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral, discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista ou enfermidade mental, co fin de establecer os requisitos materiais e funcionais que deben cumprir para a súa autorización polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais, contribuíndo así a garantir o nivel de calidade que deben reunir os servizos para persoas con discapacidade.

  • Obxectivos:

    Regular os requisitos materiais e funcionais que deben cumprir, para a súa autorización polo órgano competente da consellería con competencia en materia de servizos sociais, determinados servizos destinados a persoas dependentes con discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral, discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista ou enfermidade mental.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Ditar unha orde que desenvolva parcialmente o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, no relativo aos requisitos materiais e funcionais de determinados servizos.

  • Rango da norma:

    Orde

Achegas e opinións recibidas: 2