Decreto polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Xurado de Expropiación de Galicia

Departamento: Consellería de Infraestruturas e Vivenda - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 27/04/2018 - 15/05/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, creou o Xurado de Expropiación de Galicia e o Decreto 223/2005, do 16 de xuño, regulou a súa organización e funcionamento, configurándoo como un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

    Actualmente, a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, regulan os principios básicos da súa organización e funcionamento. E o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modifica a consellería de adscrición e regula determinadas cuestións relativas á súa presidencia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Dado que o Decreto 223/2005 foi publicado antes de que o Xurado de Expropiación de Galicia empezara a súa andaina o 14 de febreiro de 2006, o tempo transcorrido dende entón provoca que neste órgano exista unha experiencia de funcionamento que fai que algúns aspectos deban ser reformulados:

    - Mellorar a organización da información acerca do funcionamento do Xurado    
    - Introducir as relacións con outros órganos da Administración e mesmo con outros xurados provinciais de expropiación pertencentes á Administración do Estado
    - Adaptar o número de vogais ás necesidades actuais do Xurado
    - Adaptar os procedementos ao novo marco da Administración electrónica
    - Regular a organización administrativa do órgano administrativo Xurado de Expropiación de Galicia
    - Elaborar unha memoria anual que reflicta os datos básicos da actividade deste organismo

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade e oportunidade do Decreto vén xustificada polos anos transcorridos dende a publicación do Decreto actualmente en vigor, o 223/2005, anos nos que se publicou normativa que afecta aos procedementos xestionados no Xurado, así como a experiencia acadada nestes 12 anos de funcionamento deste órgano, que fai reformularse algúns aspectos do regulamento actualmente en vigor.

  • Obxectivos:

    Dotar este órgano de transparencia cara á cidadanía e facer que os procedementos levados a cabo no mesmo sexan máis áxiles e eficaces, redundando nunha adecuada valoración mediante prezo xusto dos expedientes que se reciben no Xurado, para que esa valoración sexa xusta e ecuánime para todas as partes implicadas: Administración expropiante, expropiado e beneficiario de ser o caso.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A regulación interna e o funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia deben ser instrumentados regulamentariamente, de acordo  co establecido no artigo 11.3 da Lei 2/2016 do solo de Galicia.

  • Rango da norma:

    Decreto