Lei reguladora do xogo na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Departamento: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza - Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 19/03/2018 - 19/05/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A normativa actual en materia de xogo data de 1985 coa Lei 14/1985, do 23 de outubro como consecuencia da legalización do xogo en España e para establecer con rango normativo aspectos fundamentais relativos aos xogos e apostas lícitas dentro do marco do Convenio asinado co Estado.

    Durante varios anos e coa finalidade de dar resposta aos cambios na concepción tradicional do xogo realizáronse modificacións desta lei e aprobáronse novos regulamentos en cada sector do xogo, entre os que se pode mencionar, o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 181/2002, do 10 de maio polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade autónoma de Galicia e o Decreto 37/2016, do 17 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia  xunto coas súas correspondentes modificacións.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Co novo texto se pretende actualizar e mellorar o contido da vixente lei de 1985.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Tendo en conta a antigüidade da vixente lei de xogo, considérase necesario elaborar un novo marco xurídico adaptado aos actuais usos sociais, as necesidades do sector e da sociedade en xeral coa finalidade de conseguir unha maior seguridade xurídica na regulación desta materia.

    Transcorridos xa 30 anos dende a aprobación da actual lei, considérase que é o momento axeitado para a elaboración e aprobación dun novo texto normativo que recolla as principais modificacións producidas neste tempo no sector do xogo nas súas distintas modalidades, e inclúa  disposicións derivadas da implantación das novas tecnoloxías, da consolidación do xogo na nosa Comunidade e dirixidas a velar por un maior control no desenvolvemento desta actividade que permita a protección dos consumidores e usuarios.

  • Obxectivos:

    Entre os obxectivos da norma están: propiciar medidas que faciliten a unidade de mercado para mellorar a competitividade do sector do xogo en Galicia, axustar os procedementos ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, para simplificar a tramitación administrativa, actualización da materia para recoller as necesidades do sector e da sociedade en xeral na procura da consecución dunha conciencia xeral do que se entende como xogo responsable.

    Todo iso recollido nunha norma con rango de lei que permita a uniformidade da regulación en materia de xogo e facilite a súa comprensión e aplicación.

    Concretamente, esta nova norma, profundará nos aspectos da publicidade, os controis de acceso, o réxime sancionador e a defensa dos menores e persoas con condutas aditivas relacionadas co xogo.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Enténdese que xa foron realizadas modificacións na lei nos últimos anos e que non foron suficientes para conseguir os obxectivos pretendidos, polo que se precisa dun novo marco xurídico que achegue solucións aos problemas detectados.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 13