Orde polo que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e o seu Consello Regulador

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Departamento: Consellería do Mar - Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 12/01/2018 - 31/01/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Por Orde do 17 de outubro de 2000 aprobouse o regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu Consello Regulador.

    Posteriormente, coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e co Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, producíronse cambios normativos importantes no réxime xurídico e de funcionamento dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. De acordo con esta normativa, foi publicada a Orde do 29 de agosto de 2008 pola que se aprobou o regulamento da DOP Mexillón de Galicia e do seu Consello Regulador, derrogando a Orde do  17 de outubro de 2000.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A sentenza ditada o 15 de abril de 2010 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  declara non conforme a Dereito a Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 29 de agosto do 2008, pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia e do seu Consello Regulador, dando lugar a anulación do seu Regulamento, que leva aparellada a anovada vixencia do Regulamento aprobado pola Orde do 17 de outubro do 2000.

    Por todo isto, faise necesario aprobar un novo regulamento para a denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu Consello Regulador, o cal é obxecto desta orde.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Adaptar o Regulamento da DOP Mexillón de Galicia e do seu Consello Regulador á Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ao Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro e ao Regulamento (UE) 1151/2012, do 21 de novembro.

  • Obxectivos:

    Establecer as normas de aplicación e funcionamento da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e do seu Consello Regulador como órgano de xestión e control da dita denominación, de acordo co disposto no Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; e no Regulamento (CE) 1050/2007 da Comisión Europea polo que se inscribe no Rexistro de Denominacións de Orixe Protexidas da Unión Europea a denominación Mexillón de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existe outra opción non reguladora porque se trata de substituír unha orde reguladora mediante unha norma do mesmo rango regulamentario.

  • Rango da norma:

    Orde

Achegas e opinións recibidas: 4