Decreto polo que se regulan os instrumentos para a mellora e a avaliación da calidade no sector público autonómico de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

Departamento: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza - Dirección Xeral de Simplificación Administrativa

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 25/08/2017 - 09/09/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    As medidas de calidade na Administración autonómica galega tiveron o seu inicio de forma pioneira en Galicia co Decreto 148/2004, do 1 de xullo, sobre cartas de servizos e Observatorio de Calidade. Este decreto incorporaba unha carta xeral de servizos da Xunta de Galicia que expresaba unha vontade de avance no establecemento dunha administración máis eficaz, eficiente, transparente, participativa e ao servizo da cidadanía, de instaurar un novo modelo de xestión dos servizos baseado na calidade, na mellora continua e na demanda das persoas usuarias. Posteriormente aprobouse o Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia co obxecto de continuar co impulso da xestión da calidade xa iniciado.

    Por outra banda, a  Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, dotou de rango legal á necesidade de consolidar a cultura da xestión da calidade e da mellora continua dos servizos públicos que prestan a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico. Supuxo ademais, a garantía nunha norma con rango de lei  da  participación da cidadanía e a integración das súas necesidades e expectativas na planificación e programación das políticas públicas.

    En desenvolvemento da dita Lei 1/2015, do 1 de abril, foi aprobado o Decreto 129/2016, do 15 de setembro, polo que se regula a atención á cidadanía no sector público autonómico de Galicia con obxecto de acadar unha relación máis próxima e sinxela coa cidadanía e unha maior calidade na prestación dos servizos públicos, axilizando o procedemento de resposta da administración, o cal debe ser claro, sinxelo e transparente e optimizando os recursos dispoñibles.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Elevar o nivel de calidade na prestación dos servizos públicos que demanda a cidadanía, deseñando e aplicando instrumentos que melloren a calidade na xestión pública.

    Incorporar e consolidar a avaliación como ferramenta de mellora na xestión pública e rendición de contas á cidadanía.

    Promover a participación cidadá na planificación e xestión da mellora dos servizos públicos, favorecendo que os servizos públicos respondan ás necesidades das persoas usuarias e se incremente a súa satisfacción con estes.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Lei 1/2015, de 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración ten por obxecto fundamental a busca e o impulso da mellora continua da calidade dos servizos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia incrementando o grao de satisfacción das persoas usuarias.

    A evolución que experimentaron tanto a concepción como a xestión da calidade no eido das Administracións públicas, os novos paradigmas de relación coa cidadanía e o novo escenario normativo introducido pola lei galega de garantía da calidade fan recomendable proceder ao desenvolvemento regulamentario dos sistemas e instrumentos destinados á mellorar e avaliar a calidade dos servizos públicos prestados polo sector publico autonómico de Galicia.

  • Obxectivos:

    A norma que se pretende elaborar ten por obxecto regular os instrumentos para a mellora e a avaliación da calidade no sector publico autonómico. En concreto:

    • Establecer as directrices para a avaliación das políticas públicas e da calidade dos servizos públicos.
    • Adaptar a actual regulación das cartas de servizos ao novo marco establecido pola Lei 1/2015, do 1 de abril,  de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.
    • Aprobar, por primeira vez, as bases para a realización de estudos de análise da demanda e do grao de satisfacción das persoas usuarias dos servizos públicos como instrumentos para coñecer e analizar a opinión, a calidade percibida e o grao de satisfacción da cidadanía sobre os servizos públicos prestados.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    En desenvolvemento da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, elaborase a presente norma.

    As opcións regulatorias posibles son:

    • Regular nun texto normativo único os diferentes instrumentos para a mellora e avaliación da calidade no sector público autonómico de Galicia ou regular en varios textos normativos cada un dos instrumentos.
  • Rango da norma:

    Decreto