Lei reguladora do uso lúdico das augas termais

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Departamento: Consellería de Economía, Emprego e Industria - Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 04/07/2017 - 19/07/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 5/1995, do 7 de xuño, regula as augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Mediante Decreto 402/1996, do 31 de outubro, aprobouse o Regulamento para o aproveitamento de augas minero-medicinais e dos establecementos balnearios.

    Coa actual norma complétase a regulación do réxime de aproveitamento das augas termais no relativo ao seu uso lúdico.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Dar resposta normativa a unha nova realidade fáctica consistente na demanda do uso lúdico das augas termais.

    Garantir a seguridade, a salubridade e o aproveitamento lúdico ordenado e sustentable, en termos globais, das augas termais.

    Contribuír desde a Administración Autonómica á dinamización das economías locais.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Partindo da consideración de Galicia como comunidade termal por excelencia, a nova norma pretende regular o uso lúdico das augas termais como recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico de Galicia.

    Coa previsión legal do uso lúdico das augas complétase a regulación do réxime de uso das augas termais, actualmente limitado esencialmente a usos terapéuticos.

    Ademais abórdase unha regulación integral do aproveitamento para os usos lúdicos das augas termais, comprensiva da actuación dos diferentes ámbitos de intervención administrativa, sexan turísticos, sanitarios, industriais ou culturais.
     

  • Obxectivos:

    Regular dunha maneira integral o aproveitamento para uso lúdico das augas termais que abrollen en Galicia.

    Garantir a salubridade, a seguridade e un aproveitamento lúdico ordenado e sustentable das augas termais, para os efectos de evitar un uso incorrecto ou irracional do recurso e a conseguinte degradación da súa calidade.

    Valorizar a condición das augas termais como recurso natural, patrimonial, cultural, industrial, turístico e lúdico, así como promover o desenvolvemento económico e social dos municipios onde tales augas abrollan. 

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    As opcións regulatorias posibles son:

    • Ditar unha disposición nova específica na que se regule o uso lúdico das augas termais.
    • Modificar a normativa existente e incluír nela o réxime proposto.
  • Rango da norma:

    Lei