Os plans directores son instrumentos de carácter estratéxico, que teñen como fin potenciar o desenvolvemento da actividade industrial no sector concreto que corresponda, a través da definición das medidas dirixidas a fortalecer o sector industrial, mellorando a competitividade das industrias actuais, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sostibilidade e impulsando a innovación industrial dos seus procesos produtivos, co fin de incrementar o emprego industrial de calidade na Comunidade Autónoma de Galicia. 
A determinación dos sectores industriais estratéxicos para Galicia para os efectos de elaborar os plans directores poderán realizarse de forma conxunta, agrupando varios sectores, ou de forma paulatina, de acordo coas prioridades que se establezan e que se fundamentarán, entre outras variables, na situación do sector industrial e na súa capacidade de crecemento e xeración de emprego. 
O pasado 17 de febreiro de 2025 acordouse no Consello da Xunta de Galicia a declaración de tres novos sectores industriais estratéxicos, que se suman ás declaracións realizadas en febreiro do ano pasado respecto doutros seis sectores industriais esenciais para a economía galega: o metalmecánico, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e o sector da loxística industrial. Entre os tres novos sectores declarados estratéxicos, dada a súa importancia sectorial, está o sector téxtil e da confección a proposta da Consellería de Economía e Industria.
O artigo 65 do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, de 12 de febreiro, detalla o procedemento de elaboración e aprobación dos plans directores dos distintos sectores industriais e, concretamente, o punto 3 deste artigo sinala que, con carácter previo á elaboración do anteproxecto, levarase a cabo unha consulta pública a través do Portal de transparencia e Goberno aberto, por un mínimo de 15 días naturais, co obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas polo futuro plan.