Os plans directores son instrumentos de carácter estratéxico, que teñen como fin potenciar o desenvolvemento da actividade industrial no sector concreto que corresponda, a través da definición das medidas dirixidas a fortalecer o sector industrial, mellorando a competitividade das industrias actuais, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sostibilidade e impulsando a innovación industrial dos seus procesos produtivos, co fin de incrementar o emprego industrial de calidade na Comunidade Autónoma de Galicia.
A determinación dos sectores industriais estratéxicos para Galicia para os efectos de elaborar os plans directores poderá realizarse de forma conxunta, agrupando varios sectores, ou de forma paulatina, de acordo coas prioridades que se establezan e que se fundamentarán, entre outras variables, na situación do sector industrial e na súa capacidade de crecemento e xeración de emprego.
O pasado 29 de febreiro de 2024 acordouse no Consello da Xunta de Galicia a declaración de seis sectores industriais estratéxicos, entre os que, dada a súa importancia desde un punto de vista transversal, xa que abarca o conxunto de proxectos que se encargan de planificar e asegurar o correcto funcionamento dos procesos de subministracións, almacenamento e transporte da empresa, está a loxística industrial, a proposta da Consellería de Economía e Industria.
O artigo 65 do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, de 12 de febreiro, detalla o procedemento de elaboración e aprobación dos plans directores dos distintos sectores industriais e, concretamente, o punto 3 deste artigo sinala que, con carácter previo á elaboración do anteproxecto, levarase a cabo unha consulta pública a través do Portal de Transparencia e Goberno aberto, por un mínimo de 15 días naturais, co obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas polo futuro plan.