Proxecto de decreto polo que se regula o sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia

Departamento 

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Órgano tramitador 

Secretaría Xeral Técnica

Estado da tramitación 

Acordo de inicio de 8 de xaneiro de 2024

Obxecto e fins

Este decreto ten por obxecto:
a) A creación e regulación do Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia, a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes.
b) O establecemento dos requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das accións para evitar ou secuestrar o dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros.

Puntos destacados

O sistema voluntario de créditos de carbono caracterízase polo seguimento e respecto de normas e procedementos fiables e transparentes. En particular, no que respecta aos seguintes aspectos:

a) Á súa xestión e control interno.
b) A tramitación de queixas e reclamacións, que se xestionará a través da Plataforma de Créditos de Carbono de Galicia.
c) O procedemento de reversión e cancelación.
d) A consulta das partes interesadas a través da Plataforma de Créditos de Carbono de Galicia.
e) A transparencia e publicación de información na Plataforma de Créditos de Carbono de Galicia.
f) A habilitación de organismos de certificación.
g) A xestión do rexistro de proxectos.
h) O sistema de control para evitar a dobre contabilidade. En particular os mecanismos necesarios para asegurar a interoperabilidade cos sistemas estatais e europeos.

Obxectivos

O Sistema voluntario de créditos de carbono perseguirá os seguintes obxectivos:
a) Contribuír a acadar a neutralidade climática e á descarbonización da economía no territorio autonómico.
b) Servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, do medio natural e do medio rural.
c) Fomentar un modelo económico de capital natural a través de proxectos de negocio con efectos positivos para o mar, a natureza e a biodiversidade, para a prevención e defensa contra os incendios forestais, para a protección fronte a catástrofes naturais, para a mitigación e/ou adaptación contra o cambio climático e para a creación do emprego endóxeno, colaborando ao aumento da calidade de vida e o desenvolvemento da sociedade no medio rural.
d) Favorecer a conservación, prevención, protección, restauración, ordenación e xestión dos recursos naturais, agrícolas, forestais e mariños a través de unidades comercializables derivadas da capacidade de absorción e almacenamento de carbono procedentes das actividades relativas aos usos do mar, da terra, os cambios de usos da terra, incluíndo ás turbeiras ou ás masas forestais como parte do aproveitamento multifuncional do monte galego. 
e) Impulsar a xestión sustentable dos recursos naturais, agrícolas, forestais ou mariños como base para a xeración de unidades comercializables derivadas da capacidade de absorción e almacenamento de carbono e da súa contribución á mitigación de emisións de GEI, así como fomento do uso da madeira e doutros materiais con capacidade de secuestro como reservorio de carbono e substitución doutros produtos con balances de carbono máis desfavorables.
f) Promover a participación de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas e da sociedade en xeral no fomento das accións financeiras con efectos positivos para o medio natural, rural ou mariño na Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Promover a adopción de actividades que, ademais de xerar unidades comercializables derivadas da capacidade de absorción e almacenamento de carbono, xeren cobeneficios sociais, medioambientais e económicos de forma directa ou indirecta.

Resultoulle útil a información?