Departamento
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Órgano tramitador
Secretaría Xeral Técnica
Estado da tramitación
Autorización do inicio o 27 de setembro de 2023
Obxecto e fins
Este decreto ten por obxecto a regulación da composición e o réxime de funcionamento da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral (en adiante, a Comisión), para o cumprimento dos fins e a realización das funcións que lle atribúe a Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Son funcións da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral:
- Coordinar a elaboración, aplicación e seguimento dos instrumentos de ordenación do litoral regulados na Lei 4/2023, de 4 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
- Coordinar aos diferentes órganos implicados nas políticas e medidas previstas na Lei 4/2023, cando resulte necesaria para simplificar e axilizar a tramitación dos procedementos relacionados con elas.
- Velar pola integración das disposicións da Lei 4/2023 e as leis sectoriais que afecten ao litoral, impulsando, cando proceda, as modificacións que favorezan a súa xestión integrada.
- Elaborar os criterios interpretativos ou directrices que resulten necesarios para promover a xestión integrada dos instrumentos de ordenación do litoral” (Informe DXSA).
Puntos destacados
Os instrumentos de ordenación do litoral conforman un único sistema integrado que se articula de acordo cos principios de competencia, especialidade e coordinación, e, corresponde á Comisión Interdepartamental de Coordinación de Ordenación do Litoral elaborar os criterios interpretativos ou directrices que resulten necesarios para promover a Xestión integrada dos instrumentos de ordenación do litoral.
Esta comisión unha función integradora das diferentes disposicións da Lei cos diversos plans aprobados en virtude das normas sectoriais, coma son os plans de pesca, marisqueo e acuicultura; os plans de continxencias por contaminación mariña; os de loita contra o cambio climático, os do sistema portuario de Galicia; os de protección civil e emerxencias e de protección do patrimonio cultural; os de ordenación e protección da paisaxe e a planificación hidrolóxica; os de turismo, transporte marítimo e de infraestruturas e, tamén, os previstos na normativa forestal e de ordenación dos montes veciñais cuxa superficie se vexa afectada pola ordenación do litoral.
Obxectivos
O artigo 14 da Lei 4/2023 establece que formarán parte desta Comisión Interdepartamental, polo menos, as persoas titulares das consellerías con competencias na ordenación do litoral, segundo o disposto no artigo 11, pero remite ao desenvolvemento regulamentario a determinación da composición, que deberá ser equilibrada entre homes e mulleres, e o seu réxime de funcionamento. Este é, precisamente, o obxecto do presente decreto.