Proxecto de decreto polo que se desenvolve o Título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social - Secretaría Xeral Técnica

Inicio da tramitación: 02/04/2023

Obxecto:

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia,  de xeito que a nosa comunidade autónoma cumpriu co compromiso coa sociedade en xeral, pero especialmente coa mocidade, que merecía ter unha norma con rango legal dedicada especificamente a tratar os problemas e inquedanzas máis comúns da nosa xuventude. Esta aprobación constitúe un gran impulso normativo en materia de xuventude pola súa importancia transversal no resto de políticas públicas que executan as administracións públicas galegas.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, foi modificada nalgúns aspectos a través da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificación destinada a lograr unha maior precisión na delimitación do ámbito de aplicación, así como na terminoloxía empregada polo texto legal.

O compromiso do goberno galego de seguir afondando na solución das cuestións máis relevantes para a mocidade galega plásmase agora na aprobación deste decreto, que, logo da regulación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia a través do Decreto 57/2014, do 8 de maio, pretende desenvolver dun xeito integral os servizos á xuventude regulados no Título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, nomeadamente a información xuvenil a través da Rede Galega de Información Xuvenil, a formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil a través da Rede de Escolas de Educación no Tempo Libre de Galicia, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, as instalacións xuvenís e os carnés de servizos á xuventude.

O presente regulamento recolle as mudanzas producidas no sistema de formación profesional para o emprego e a regulación dos certificados de profesionalidade tendo en conta agora a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional e a normativa de vixente aplicación, así como as implicacións derivadas da Lei 20/2013, de 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado no referente ao inicio das actividades e o seu réxime de control.

Así mesmo, o presente regulamento remata coa situación transitoria que supón a regulación da materia por unha normativa previa á aprobación da norma con rango legal, e que mantiña a súa vixencia con base no apartado 2 da disposición derrogatoria única da lei, o cal dispón que "en tanto non entre en vigor a normativa de desenvolvemento desta lei, resultarán aplicables o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, así como o decreto da súa adaptación á directiva de servizos, en todo canto non se opoña ao establecido nesta lei".

O texto da norma é o resultado dun proceso de participación e diálogo con todos os axentes implicados a través de distintos espazos de escoita activa e traballo conxunto e da man coa Administración. Realizáronse sesións participativas abertas como sesións de traballo iniciais de presentación do borrador e de constitución de grupos de traballo, habilitouse un espazo web propio como canle de información pública, participación e testemuña do proceso, unha caixa de correos para a participación cidadá en relación coa nova normativa; celebráronse os III e IV Foro aberto do tempo libre, como espazos de toma de decisións de cara a pechar o borrador de decreto para o inicio da súa tramitación administrativa e as XI e XII edicións do Interactuando no tempo libre viñeron marcadas polo reto de avanzar no consenso de cara á elaboración dun borrador da normativa.

A norma consta dun total de 91 artigos, distribuídos nun título preliminar, que aborda a regulación das disposicións xerais relativas ao ámbito de aplicación, a comunicación previa e a declaración responsable para a prestación de servizos á xuventude, e cinco títulos máis sobre a información xuvenil, as escolas de tempo libre, as instalacións xuvenís e servizos destinados á xuventude.

Completan o texto normativo dúas disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras. A disposición derradeira primeira da Lei 6/2012, do 19 de xuño, habilita expresamente a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido na devandita lei.

Estado actual: Pendente de aprobación

Prazo para remitir suxestións: pechado desde 23/10/2023

Suxestións recibidas: 27