Decreto 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Xurado de Expropiación de Galicia

Departamento: Consellería de Infraestruturas e Vivenda - Xurado de Expropiación de Galicia

Inicio da tramitación: 03/07/2018

Data da publicación no DOG: 14/01/2019

Obxecto:

A Lei 9/2002 do 30 de decembro de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia creou o Xurado de Expropiación de Galicia e o Decreto 223/2005 do 16 de xuño regulou a súa organización e funcionamento, configurándoo como un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial. Actualmente a Lei 2/2016 do 10 de febreiro do solo de Galicia e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 do 22 de setembro regulan os principios básicos da súa organización e funcionamento.

O tempo transcorrido desde a creación do Xurado de Expropiación de Galicia, as modificacións normativas introducidas e a experiencia acadada nestes anos aconsellan modificar a súa regulación, a fin de axustar a composición do órgano ás disposicións vixentes e reformular as súas funcións, tales como a emisión de informes e a formación de valoradores, entre outras.

Introdúcense precisións que permiten mellorar o funcionamento ordinario do órgano, que actúa con independencia xerárquica e de criterio, coa vontade de clarificar e completar o procedemento interno de determinación do prezo xusto, potenciar o protagonismo da sociedade civil gañando en obxectividade e transparencia, e  acercando o Xurado de Expropiación á cidadanía e ás entidades implicadas. Inclúense tamén os procedementos do Xurado que deben de ser presentados en sede electrónica.

Estado actual: Aprobada e publicada no DOG