Novos marcos estratéxicos a nivel europeo e estatal, sumados ás necesidades emerxentes ou agravadas cos recentes fitos producidos no contexto socioecónomico e ás oportunidades de mellora da situación do pobo xitano, motivan a existencia desta nova estratexia. Enmarcarase dentro da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, que se orienta de xeito xeral á atención da vulnerabilidade, pobreza e exclusión social na nosa comunidade autónoma. Persegue abordar dun xeito específico as desigualdades que experimenta a poboación xitana e promover a normalización dos seus estándares de vida respecto aos da poboación total desde unha perspectiva de complementariedade co acceso ás medidas de orientación xeral.
A Estratexia de inclusión social da poboación xitana de Galicia 2024-2030 ten o obxectivo xeral de promover o desenvolvemento dos dereitos fundamentais das persoas xitanas e normalizar as condicións e calidade de vida das persoas xitanas en Galicia en todos os ámbitos, incluíndo a súa participación plena social e económica. Vertébrase en 8 obxectivos estratéxicos, catro de carácter horizontal ou de aplicación transversal, e outros catro de ámbito sectorial que inciden en dimensións clave para acadar unha inclusión social plena, real e efectiva.