A saúde comunitaria é unha liña de traballo prioritaria da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, como xa se reflectiu no “Plan galego de atención primaria 2019-2021”, no que se recollía o obxectivo de implantar a acción comunitaria como unha actividade normalizada nos centros de saúde. No documento estratéxico “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, púxose de manifesto a necesidade de reforzar o actual modelo de saúde comunitaria desenvolto na atención primaria a través dos plans locais de saúde.
A orientación comunitaria da atención primaria trae consigo un cambio de paradigma que supón a evolución dunha atención sanitaria centrada na enfermidade a outra centrada nas persoas e no seu contexto social. Así, moitos dos problemas de saúde que afectan á poboación teñen a súa orixe nos determinantes sociais, e fronte a eles o máis efectivo é unha abordaxe intersectorial e multidisciplinar, a través de intervencións comunitarias que teñen un alto impacto sanitario e social.
A primeira das liñas estratéxicas recollidas neste documento é reforzar a estrutura organizativa da saúde comunitaria, implementando as medidas organizativas necesarias para promover a orientación comunitaria dentro da actividade habitual da atención primaria. A segunda das liñas é facilitar ferramentas e recursos para a atención comunitaria.
A terceira liña céntrase en desenvolver os tres niveis de orientación comunitaria (educación sanitaria do paciente, dun grupo de pacientes, e da poboación en xeral) cun enfoque de equidade. En cuarto lugar, téntase impulsar a innovación e o coñecemento en saúde comunitaria, favorecendo a investigación e difusión de resultados para a súa mellora continua.
Data de aprobación polo Consello da Xunta: 29/06/2023