A seguridade do paciente como concepto non é algo novo, xa que a preocupación por non lles facer dano aos pacientes sempre estivo presente no quefacer dos/as profesionais da saúde. A necesidade de accións encamiñadas a xestionar os riscos derivados da atención é algo máis novo, xa que estas xorden despois da publicación de estudos que indican que os eventos adversos da atención son frecuentes, poden ser graves e, sobre todo, poden evitarse. Estes efectos non desexados derivados da atención sanitaria representan unha causa de elevada morbimortalidade en todos os sistemas sanitarios desenvolvidos. A razón fundamental é a crecente complexidade no manexo dos pacientes, no que interveñen factores organizativos, factores persoais dos profesionais e factores relacionados coa enfermidade.
A Estratexia galega de seguridade e calidade 2024-2028 incide, polo tanto, no avance da seguridade na organización e céntrase no compromiso e no liderado, na aprendizaxe e, sobre todo, na mellora continua.
Pretende profundar na xestión dos riscos de maneira proactiva e reactiva. Impulsa a atención ás segundas e terceiras vítimas de eventos adversos, o que aumenta a humanización na resposta, tanto aos/ás pacientes como aos/ás profesionais. Establece obxectivos específicos para a poboación e unha análise do risco concreto e específico de cada situación asistencial e, entre outros aspectos, incide nas tecnoloxías da información sanitaria como grandes aliadas á hora de ofrecer unha atención máis segura.
Data de aprobación polo Consello da Xunta: 13/12/2023