Antecedentes:
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, outórgalles ao galego e ao castelán o carácter de linguas oficiais que todos teñen o dereito de coñecer e usar; e tamén establece que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, para o que disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece, no seu artigo 2, que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, como linguas oficiais que son da Comunidade Autónoma galega.
Desta equiparación legal do galego e do castelán deriva a necesidade de contar con profesionais cualificados para a tradución e a interpretación doutras linguas para o galego, e viceversa.
Xorde, pois, a conveniencia de regular a habilitación destes especialistas, para o que se ditou o Decreto 267/2002, do 13 de xuño, polo que se regula a habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada doutras linguas para o galego, e viceversa. Isto facilita, ademais, o uso do galego na documentación xurídica, administrativa, económica e científico-técnica, así como nos actos e procedementos que deban ter efectos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia ou que conteñan actuacións procedentes de fóra do seu ámbito territorial.