Antecedentes:
A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, regulou, por primeira vez na nosa comunidade autónoma, a figura das entidades de certificación de conformidade municipal, coa finalidade de habilitar a súa intervención, con carácter facultativo, no desenvolvemento de actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade das instalacións, dos establecementos e das actividades coa normativa de aplicación en cada caso no ámbito municipal.
Posteriormente, o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado polo Decreto 144/2016, do 22 de setembro, recolleu no seu Título IV unha regulación detallada das entidades de certificación de conformidade municipal.
A intervención destas entidades permite simplificar os procedementos administrativos e optimizar o uso dos recursos públicos, moitas veces limitados, dotando, deste xeito, á Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables, en cada momento, ás necesidades de verificación, inspección e control.
Por esta razón, a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia deu un paso máis na colaboración entre a Administración e as entidades de certificación de conformidade municipal ao introducir tamén no ámbito urbanístico a posibilidade de que as devanditas entidades puidesen colaborar cos concellos para facilitar e reducir os prazos para o outorgamento dos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística relativos aos actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo para a implantación das iniciativas empresariais e para as actuacións de desenvolvemento de solo empresarial ou residencial.
Finalmente, a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na liña de seguir avanzando na senda da simplificación administrativa, modificou a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, facendo extensible a intervención destas entidades nos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que teñen por obxecto actos de edificación ou uso do solo ou do subsolo. Isto permitiu unha redución dos prazos de resolución das licenzas a un mes, fronte aos tres meses que rexían ata o momento, así como a produción de efectos inmediatos das comunicacións previas desde o mesmo momento da súa presentación. Non obstante, a normativa urbanística remitía á Lei 9/2013, do 19 de decembro, no que atinxe aos requisitos técnicos, de persoal de independencia e de acreditación das devanditas entidades.
A experiencia acumulada durante estes anos puxo en evidencia que a intervención das entidades de certificación de conformidade municipal permite simplificar os procedementos administrativos e optimizar o uso dos recursos públicos, moitas veces limitados, dotando, deste xeito, á Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables, en cada momento, ás necesidades de verificación, inspección e control.
Neste contexto, a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas modificou tanto a Lei 9/2013, do 19 de decembro, como a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, coa finalidade de unificar o réxime xurídico destas entidades e atribuír á consellería competente en materia de urbanismo as funcións relativas á súa autorización e rexistro, así como a competencia sancionadora.
Esta norma, ademais, en consoancia coas distintas medidas de simplificación que se veñen adoptando, atribuíu ás certificacións de conformidade que acompañen ás solicitudes de licenza urbanística a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos automaticamente polas devanditas certificacións, establecendo, ao mesmo tempo, mecanismos de salvagarda do principio de autonomía local.