Decreto polo que se regulan os recursos de acollemento de nenos, nenas e adolescentes con medida de protección á infancia e á adolescencia en Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude - Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/02/2024 - 23/02/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social consonte o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de Autonomía.

    O actual Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, aprobouse no marco desta competencia e na normativa vixente no momento da súa promulgación. 

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Pasados 19 anos desta norma, é imprescindible aprobar unha nova regulación desta materia que recolla as realidades normativas actuais como, no ámbito autonómico, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, e o Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia. A nivel estatal, a Lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia; a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia e, recentemente, a Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

    Por tanto, é necesario desenvolver aspectos da normativa en relación co acollemento e realizar unha normativa específica que regule de xeito independente os recursos de protección á infancia e á adolescencia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Na actualidade, como xa se indicou, pasados 19 anos dende a normativa que regula na actualidade os centros e servizos de atención á infancia, resulta imprescindible realizar unha revisión que diferencie os recursos de conciliación e os de protección, coa elaboración dunha norma que desenvolva os recursos de acollemento familiar e residencial, dando resposta ás situacións e dificultades actuais do sistema de protección e adaptada á actualidade normativa e social.

  • Obxectivos:

    A futura norma ten por obxecto diferenciar, dentro dos recursos de atención á infancia, aqueles que están dirixidos á conciliación de 0 a 3 anos e os recursos propios de protección de menores. Concretamente, o futuro decreto pretende a regulación específica destes últimos, afrontando un desenvolvemento dos distintos tipos de acollemento tanto no eido residencial como familiar.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O acollemento familiar e residencial está mencionado de xeito enunciativo na normativa autonómica, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia. Existen, así mesmo, diferentes instrumentos que, a través de instruccións, circulares e protocolos, regulan esta materia. Con todo, resulta necesario establecer unha normativa homoxénea de desenvolvemento do recurso que, a través dunha norma xurídica de carácter regulamentario, defina e organice o acollemento familiar e residencial.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 14