Lei de cooperativas de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social

Departamento: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade - Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 20/11/2023 - 20/12/2023

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia declara que é competencia da Comunidade Autónoma Galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado nos termos que a mesma estableza en materia de entidades cooperativas.

    Como consecuencia desta disposición estatutaria promulgouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia. 

    O tempo transcorrido dende a entrada en vigor da Lei de cooperativas de Galicia obriga a adaptar o devandito corpo legal a unha nova realidade legal, social e económica tendo en conta as variacións socioeconómicas e a evolución propia do cooperativismo  co obxectivo de impulsar o crecente proceso de profesionalización, consolidación e compromiso desta fórmula empresarial para así situalas na vangarda do cambio do paradigma económico.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    • Dotar ás cooperativas das ferramentas e métodos organizativos necesarios para mellorar a súa xestión e competitividade, así como reforzalas na súa parte social, tanto na interacción cos seus socios como no fomento dos principios de igualdade, conciliación e responsabilidade social.
    • Crear unha contorna que permita estimular unha maior creación de cooperativas en todos os sectores económicos.
    • Flexibilizar e simplificar todos os trámites para facilitar o seu cumprimento por parte das cooperativas, considerando o seu tamaño e tendo en conta que os mesmos foron regulados na primeira Lei de Cooperativas de Galicia que é do ano 1998.
    • Avanzar na modernización o Rexistro de cooperativas, mediante a súa dixitalización, o que permitirá o tratamento dos seus datos co obxectivo de poñer en valor a contribución do sector cooperativo á economía e mellorar así a súa visibilización.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Xunta de Galicia cumpre o seu compromiso de apoio a un sector que está baseado nun modelo de cooperación, con fórmulas de goberno democráticas e participativas que teñen demostrado que posúen máis fortalezas que as empresas capitalistas para afrontar as crises económicas. A súa resistencia acredítase cunha menor destrución de emprego e pola toma de decisións colectiva onde o obxectivo nunca é maximizar os beneficios senón obter os ingresos necesarios para continuar coa actividade económica. Nestas entidades, a toma de decisións non se realiza en función do capital achegado, senón que cada socio é un voto.  

    Cando entrou en vigor a vixente Lei de cooperativas a maior parte das cooperativas eran agrarias ou gandeiras e foron fundamentais na dinamización económica e social das áreas rurais. Despois de 25 anos as cooperativas están en moitos sectores de actividade como o da cultura, a educación, os coidados ou a vivenda.

  • Obxectivos:

    Amplificar o apoio que presta ao sector do cooperativismo desde o punto de vista legal coa finalidade de adaptar a normativa aos novos tempos e flexibilizar e facilitar todos os trámites.

    Impulsar este modelo económico para que as cooperativas incrementen a súa competitividade e poidan gañar en dimensión, sen perder a súa identidade, adaptándose a unha economía cada vez máis dixitalizada e apoiando o posicionamento das mesmas en todos os sectores económicos, mellorando tamén a súa visibilización.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A necesidade de adaptar a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia a unha nova realidade legal, social e económica tendo en conta as variacións socioeconómicas e a evolución propia do cooperativismo, determina que a alternativa da regulación que se prevé perfílase como a única alternativa viable.

  • Rango da norma:

    Lei