Decreto polo que se modifica o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades - Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/12/2022 - 24/12/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia concretou as intencións do sistema educativo galego para esta etapa educativa, regulando as materias que o alumnado debe cursar en cada un dos niveis da etapa.

    A Comisión Europea (CE) e a Rede Internacional de Educación Financeira (INFE) da OCDE, en cooperación cos Estados membros, traballan nun marco de competencia financeira conxunto UE/OCDE-INFE para nenas e nenos e a mocidade, que se preve estea finalizado no ano 2023 e que se deseña cunhas liñas similares ás do Marco de competencias financeiras para adultos na Unión Europea que foi publicado no ano 2022.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Preténdese que o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, dea resposta á necesidade de desenvolver competencias financeiras na mocidade galega a través da configuración do currículo dunha materia optativa, así como axustar a norma para poder adaptarse á incorporación doutros coñecementos ou competencias.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Os rápidos cambios e as demandas sociais fan necesario que a normativa educativa galega estea preparada para poder incorporar outros coñecementos ou competencias que dean resposta ás necesidades da poboación e, especialmente, da mocidade.

  • Obxectivos:

    Concretar determinados aspectos da ordenación e o currículo das materias optativas na etapa da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia que abran a posibilidade da incorporación, nun futuro, de novos coñecementos e definir o currículo dunha materia optativa cuxo obxectivo sexa desenvolver competencias financeiras.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Na Disposición derradeira segunda do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, facúltase á persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar cantas disposicións sexan precisas no relativo ao desenvolvemento do Decreto.

    Polo tanto, considérase que para cumprir o mandato normativo a mellor alternativa é desenvolvelo a través dunha norma con rango de decreto.

  • Rango da norma:

    Decreto