-
Antecedentes:
- A Orde do 12 de marzo de 2013 desenvolvía o Decreto 254/2012, 13 de decembro, que regulaba o procedemento de admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.
- O Decreto 13/2022, do 3 de febreiro (DOG núm. 29, do 11 de febreiro), derrogou o anterior decreto, polo que esta orde dítase para desenvolver o novo decreto e regular o procedemento de admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
- Incluír na orde as modificacións introducidas na normativa autonómica sobre admisión polo Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, como consecuencia das modificacións introducidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
- Levar a cabo unha reestruturación e actualización da normativa anterior sobre admisión.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
En primeiro lugar, a necesidade de trasladar e desenvolver mediante orde o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, que incorporou á normativa autonómica sobre admisión as modificacións realizadas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
Así mesmo, reorganizar o contido, harmonizar o concepto de unidade familiar co utilizado en libros de texto, separar a definición dos criterios de admisión e a forma de acreditalos, axustar esta última á información actualmente dispoñible na plataforma de interoperabilidade e reestruturar o procedemento de escolarización (reserva, admisión ordinaria e escolarización extraordinaria).
Ademais, a conveniencia de dispoñer dunha orde actualizada, que inclúa os diversos cambios derivados da implantación da administración electrónica e as melloras da aplicación informática de xestión da admisión.
-
Obxectivos:
Por unha banda, dispoñer dunha orde que contemple e desenvolva as modificacións lexislativas indicadas; e, por outra, reestruturar e actualizar a normativa anteriormente existente, elaborando unha norma que se axuste aos principios de transparencia, simplicidade e accesibilidade.
Non obstante, a norma mantén a regulación de fondo anterior, en canto é acorde coa lexislación vixente e resulta idónea e adecuada para regular satisfactoriamente ao acceso do alumnado ao centro docente, onde se fará efectivo o dereito á educación, respectando os principios de proporcionalidade e de seguridade xurídica.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A alternativa á elaboración da presente orde sería a modificación puntual da orde anterior, para incorporar as modificación lexislativas introducidas no Decreto 13/2022, do 3 de febreiro. Non obstante, resulta máis adecuado elaborar unha nova orde que substitúa a anterior, para efectuar unha regulación de conxunto (reestruturar contidos, delimitar conceptos e incorporar o resultado da experiencia dos últimos anos, actuando dende a perspectiva que dá a implantación da administración electrónica), inspirada nos principios de transparencia, accesibilidade, simplicidade, proporcionalidade e seguridade xurídica.
-
Rango da norma:
Orde