Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos do sistema de formación para o emprego no ámbito laboral, conducentes á obtención de certificados de profesionalidade (código de procedemento TR301R)

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Formación e Colocación

Departamento: Consellería de Emprego e Igualdade - Dirección Xeral de Formación e Colocación

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/08/2021 - 16/08/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A presente orde deroga a 30 de xaneiro de 2014, DOG núm. 26 do 7 de febreiro, pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Formula unha reforma en profundidade do procedemento regulado pola Orde do 30 de xaneiro de 2014, aportando unha maior flexibilidade e coherencia ao texto e adaptando a normativa reguladora á lóxica evolución consecuencia da entrada en vigor de novos textos normativos, o decurso do tempo e á complexidade actual da situación sanitaria e laboral.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade de publicar este novo texto legal é consecuencia da obsolescencia do texto vixente, a implantación da administración electrónica, a evolución normativa, a obriga de adaptarse ás novas necesidades e requisitos da formación para o emprego, así como ás demandas das propias entidades de formación para o emprego.

  • Obxectivos:

    A orde que se somete a consulta pública reduce os prazos para a presentación e resolución de solicitudes; regula as diferentes modalidades de impartición da formación, presencial e teleformación; incorpora a aula virtual, que terá a consideración de formación complementaria e adicional de carácter presencial en canto que a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan de forma concorrente e en tempo real; potencia a tramitación electrónica; incorpora medidas de seguimento e control de presenza que garantan o correcto desenvolvemento da acción formativa e define e implemente procedementos de actuación e tramitación.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existen alternativas.

  • Rango da norma:

    Orde