Antecedentes:
En Galicia o medio rural, e nel o monte, que supón máis do 65% da súa superficie, constitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sostible do país cun extraordinario valor, achegado pola súa dimensión social, medioambiental e económica que atinxe a toda a sociedade, sobre o que os incendios forestais constitúen unha principal ameaza.
A primeira lei contra os incendios forestais de Galicia, aprobada no ano 2007, posibilitou o desenvolvemento dunha estratexia de defensa do rural contra os incendios organizada atendendo á defensa primordial das persoas e dos bens xunto coa defensa dos recursos forestais; non obstante, o tempo transcorrido obrigou a sucesivas modificacións, xa que as previsións iniciais resultaban inoperantes ante os novos desafíos. É por iso que se precisa dunha nova regulación coa que desenvolver procedementos para levar a cabo accións eficaces e áxiles tanto en materia de prevención como de extinción e acorde cos novos escenarios climáticos.
Así pois, ante o actual contexto ambiental xerado polo cambio climático e os cambios sociodemográficos, devén imprescindible un novo marco normativo que constitúa a base de actuación para regular e ordenar estratexias, plans, programas e protocolos de prevención e extinción, que impliquen a todas as administracións, organismos e entidades públicas e privadas e á sociedade civil, procurando un resultado verdadeiramente eficaz na redución do impacto que os incendios producen no noso territorio.
A definición de mecanismos de cooperación multinivel, as actuacións preventivas sobre o territorio, a promoción de iniciativas de recuperación de usos do monte, tamén do espazo rural, as limitacións aos usos e actividades no monte en relación cos incendios forestais e terreos queimados, a regulación dos usos do lume, a vixilancia e detección e a extinción constitúen elementos esenciais de tratamento do novo texto, ademais da especial atención á formación profesional e continua do persoal, á divulgación e, nomeadamente, á investigación.
Debe ser tamén obxecto de tratamento a sensibilización e concienciación da cidadanía para lograr a implicación activa na prevención e defensa contra os incendios forestais de toda a sociedade galega a través da cal impulsar novas oportunidades de crecemento e potenciar a estrutura económica do rural para aproveitar ao máximo a súa capacidade.
En definitiva, cómpre dotar Galicia dunha nova norma para o establecemento de medidas transversais que preveñan e faciliten a loita contra o lume e ao tempo valoricen a potencialidade produtiva, ecolóxica e social do monte galego e que constitúa un piar no desenvolvemento sostible do medio rural con garantía de futuro para o noso país.