-
Antecedentes:
A Organización Mundial da Saúde (OMS, 2018) estima que o 91% da poboación do mundo vive en lugares onde non se respectan as súas Directrices sobre a calidade do aire, o que provoca cada ano 4,2 millóns de defuncións prematuras, das cales o 91% acontecen en países de ingresos baixos e medianos (rexións do Sueste Asiático e Pacífico Occidental principalmente). Este menoscabo para a saúde da poboación e a conseguinte redución da súa esperanza e calidade de vida supuxo en 2010 que o impacto da contaminación do aire na saúde pública en España representara un custo económico estimado do 2,8% do Produto Interior Bruto, isto é, uns 38.000 millóns de euros (OMS, 2015).
O estado da calidade do aire na nosa comunidade é bo xa que se respectan os valores límite lexislados para cada contaminante. Pero debemos ter en conta o impacto da contaminación atmosférica na saúde, tal e como se expón no parágrafo anterior, e que os valores obxectivo propostos pola OMS son moito máis restritivos que os legais. Por iso, a calidade do aire de Galicia ten unha marxe de mellora que tería un efecto positivo na nosa saúde e tamén na calidade dos nosos ecosistemas.
Neste marco propoñemos a creación da Comisión da Calidade do Aire de Galicia (en adiante Comisión), que ten o obxectivo de traballar na mellora da calidade do aire de Galicia, contando coa participación dos distintos organismos e entidades relacionados con esta materia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Para mellorar a calidade do aire é imprescindible fomentar o intercambio de información e de ideas entre os distintos axentes implicados, o que facilitará a comprensión por parte da cidadanía dos efectos da contaminación atmosférica na saúde das persoas e na degradación dos ecosistemas, así como das formas de mellorala.
Considérase que abrir espazos tanto reais como virtuais para que quen así o desexe exprese as súas ideas e creatividade e colabore en iniciativas ambiciosas, tanto de xeito individual como colectivo, será beneficioso para o propósito exposto e servirá tamén para animar aos participantes a que se comprometan con accións específicas e individuais que mellorarán a calidade do aire da súa contorna.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Aínda que a calidade do aire na nosa comunidade é boa, xa que se respectan os valores límite lexislados para cada contaminante, esta medida está en liña coas políticas transformadoras do Pacto Verde Europeo, concretamente coa política 8. Aspirar a unha contaminación cero para un entorno sen substancias tóxicas (Plan de acción para o aire, a auga e o solo, e Estratexia de substancias químicas).
-
Obxectivos:
Este decreto terá por obxecto a creación, a composición, as funcións e o réxime de funcionamento da Comisión de Calidade do Aire de Galicia. Trátase de crear un espazo transversal que permita atopar a complicidade de toda a cidadanía e os axentes sociais que poden contribuír a conseguir unha mellora na calidade do aire e, polo tanto, na súa propia saúde e na do resto dos/as cidadáns/ás de Galicia.
A Comisión ten como funcións estudar a situación da calidade do aire en Galicia, propoñer e desenvolver medidas correctoras en caso necesario ou ben de mellora continua e realizar o seu seguimento, informar a cidadanía do estado da calidade do aire e das medidas que poden adoptar para mellorala, analizar a actuación nos casos de episodios de contaminación e, nestes casos, actuar segundo o Protocolo de Actuación en Episodios de Contaminación Atmosférica (PAECA) para retornar a calidade do aire a niveis axeitados o antes posible.
A Comisión estará integrada por unha comisión interna da Xunta de Galicia e unha externa. Formarán parte da comisión interna todos os organismos da Xunta de Galicia con competencias en materias que afectan á calidade do aire: medio ambiente, saúde pública, emerxencias, industria, mobilidade, medio rural... A comisión externa estará formada por un comité científico-técnico de expertos/as en materia de calidade do aire tanto das Administracións públicas como do sector privado e un comité “administrativo” formado representantes das entidades locais.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Considérase axeitado empregar unha norma con rango legal.
-
Rango da norma:
Decreto