-
Antecedentes:
Tal como recolle a exposición de motivos da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o procedemento administrativo ten por finalidade maximizar o acerto das actuacións administrativas e garantir que se cumpran os criterios de legalidade e seguridade xurídica. O equilibrio entre o respecto ao procedemento, os valores que tenta protexer e a necesaria axilidade e simplificación para acadar a maior eficiencia de cara á cidadanía e ás empresas non sempre é doado de obter. No procedemento de avaliación ambiental xorde a necesidade de que o órgano ambiental da Administración galega conte con entidades que actúen como colaboradoras, así como co asesoramento de persoas expertas nos diferentes ámbitos suxeitos a avaliación ambiental.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Con esta norma preténdese axilizar a tramitación ambiental de proxectos con relevancia económica para Galicia a través de colaboración público-privada.
A innovación e o progreso tecnolóxico demandan que se poida contar con entidades colaboradoras e persoas expertas de demostrada capacidade e experiencia en moitas e diferentes áreas de coñecemento.
Dada a relevancia dos procedementos de avaliación ambiental, as entidades que colaboren neles deben demostrar a súa competencia profesional, a súa solvencia económica e os mecanismos de aseguramento da responsabilidade cos que contan. Así mesmo, é necesario desenvolver regulamentariamente o réxime de obrigas, prohibicións e incompatibilidades, así como o control e a inspección a que estarán sometidas para garantir o respecto dos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia polos que se rexen.
Igualmente, o órgano de avaliación ambiental debe estar en condicións de contar co nivel máis elevado de competencia técnica para realizar de xeito obxectivo e efectivo a avaliación ambiental en calquera campo que normativamente así o exixa.
Co fin de preservar a obxectividade destes procedementos, é necesario establecer un rexistro público e transparente que asegure o escrutinio de todas as partes interesadas.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Esta norma desenvolve regulamentariamente os artigos 30.2 e 41 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Xa que logo, é necesaria para a plena efectividade das súas previsións.
A avaliación ambiental é un requisito esencial de moitos proxectos empresariais. A súa axilización é unha oportunidade para Galicia, ao par que se fomenta unha colaboración especializada e de alto valor engadido entre a Administración e entidades privadas e profesionais de alta cualificación e solvencia.
Deste xeito, as actuacións administrativas poderanse centrar en labores de supervisión e verificación sobre aqueles aspectos máis relevantes.
-
Obxectivos:
A finalidade deste decreto é múltiple.
En desenvolvemento do artigo 41 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro:
- Regular os requisitos e as condicións das funcións que a devandita norma atribúe ás entidades de colaboración ambiental.
- Regular a comunicación que estas entidades teñen que presentar para desenvolver a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e os requisitos que teñen que acreditar naquela para garantir que dispoñen dos medios e da cualificación técnica necesaria, así como a cobertura da responsabilidade a que poida dar lugar a súa actuación mediante a subscrición do correspondente contrato de seguro ou garantía equivalente.
- Regular as normas de organización e funcionamento do rexistro administrativo no que serán inscritas de oficio, logo de presentar a devandita comunicación.
- Regular o réxime de obrigas, prohibicións e incompatibilidades, así como o control e a inspección a que estarán sometidas estas entidades para garantir o respecto dos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia polos que se rexen.
En desenvolvemento do artigo 30.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro:
- Regular as normas de organización e funcionamento do banco de expertos/as en avaliación ambiental previsto na norma.
- Establecer os criterios de elixibilidade, en materia de coñecementos, talento e competencia técnica das persoas e entidades seleccionadas para formar parte do banco de expertos/as, así como os mecanismos de avaliación das mesmas.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
É imprescindible a aprobación dunha norma con rango regulamentario para a plena efectividade dos artigos 30.2 e 41 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, pola existencia dunha remisión expresa ao desenvolvemento regulamentario nos devanditos artigos á que é obrigado dar cumprimento.
AVISO: As suxestións deberán enviarse a partir do luns 19 de abril.
-
Rango da norma:
Decreto