-
Antecedentes:
As ensinanzas técnico deportivas incorporáronse ao sistema educativo en 1997 ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e en desenvolvemento desta norma, na CC. AA. de Galicia aínda seguen implantadas as modalidades de Balonmán, Deportes de inverno, Deportes de montaña e escalada, Fútbol e Fútbol sala.
Coa implantación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, modificada pola Lei 3/2020, do 29 de decembro, promulgouse o Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, e desenvolvéronse os currículos correspondentes aos títulos de técnico deportivo en Atletismo, Baloncesto, Mergullo deportivo con escafandro autónomo, Hípica, Judo e defensa persoal, Salvamento e socorrismo, Piragüismo e Vela, así como os de técnico deportivo superior en Atletismo, Baloncesto, Hípica e Piragüismo.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A día de hoxe coexisten dúas regulacións diferentes provocando situacións confusas á hora da aplicación de distintos procedementos diferenciados segundo a modalidade deportiva da que se trate, en función da regulación pola que vén establecido cada título.
Con esta norma preténdese garantir unha correcta organización académica nos centros que imparten as ensinanzas deportivas de réxime especial.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Procede concretar e unificar, na medida en que a normativa vixente o permite, os procedementos que desenvolvan, para o ámbito de actuación territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o previsto nas devanditas normas de referencia, co obxecto de garantir unha correcta organización académica nos centros que imparten as ensinanzas deportivas de réxime especial.
Nesta orde que se propón publicar concrétanse algúns aspectos destas ensinanzas que non están suficientemente desenvolvidas no Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, nin na Orde do 30 de maio de 2008, pola que se regula a avaliación das ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior na Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Obxectivos:
O obxectivo desta orde de deportes é desenvolver determinados aspectos da ordenación académica nas modalidades deportivas de ensinanzas de réxime especial implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro dos decretos polos que se establecen os currículos dos ciclos correspondentes aos títulos de técnico e técnico superior destas ensinanzas.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Revisaranse todas as achegas que se realicen tras a publicación deste anteproxecto no portal de Transparencia, por se houbera que engadir ou modificar algún artigo que aclare algún/s aspecto/s desta normativa, dado que nela contémplanse moitas modalidades deportivas diferentes e algunhas delas aínda se regulan ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.
-
Rango da norma:
Orde