Lei de arquitectura de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 04/12/2020 - 04/01/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Non existe na nosa comunidade autónoma unha lei de arquitectura, polo que cómpre abordar a devandita regulación, no marco da regulación vixente, tanto a nivel estatal como autonómico, nomeadamente:

    • Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.
    • Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.
    • Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de octubre, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.
    • Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 7 de setembro de 2005, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais.
    • Declaración de Davos 2018, buscando a calidade do entorno construído.
    • Resolución do Consello (de Europa), do 12 de febreiro de 2001, sobre a calidade arquitectónica no entorno urbano e rural.
    • (MAC) Método Aberto de Coordinación – Plan de Traballo de Cultura 2019-2022 da UE. Arquitectura e entorno construído de alta calidade de todo o mundo.
    • Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
    • Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
    • Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
    • Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
    • Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
    • Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A calidade do entorno construído non se garante polo feito de cumprir coa normativa urbanística e sectorial vixente. Non se trata só de garantir a construción de edificios que tecnicamente sexan capaces de cumprir a súa función, como simples obxectos inconexos, en canto ao uso ao que están destinados, senón de visibilizar e coidar as relacións de afección que se establecen en canto a escala, materialidade e vinculación co entorno existente e con todo o territorio circundante.

    A arquitectura é unha disciplina de interese público que afecta directamente ás relacións sociais e á calidade de vida da cidadanía, de dualidade cultural e económica, e que incide directamente na innovación, a sostibilidad, o progreso e a cohesión social; asemade, é unha das manifestacións da cultura e, como tal, un factor esencial e constitutivo da identidade de Galicia, forxada a través do tempo, e que resulta necesaria para facer posibles múltiples dereitos e, de xeito especial, o dereito ao acceso a unha vivenda de calidade.

    A arquitectura de Galicia, en particular, os/as seus/súas profesionais senlleiros/as e o noso patrimonio construído son un referente internacional de prestixio, de boas prácticas e dun alto nivel de estándares de calidade nas súas realizacións.

    Por todo isto, debe considerarse que a arquitectura é un ben de interese xeral que os poderes públicos están obrigados a preservar, difundir e fomentar, procurando o máis alto nivel posible de calidade en tódalas súas realizacións, promovendo o enraizamento social desta disciplina e a formación da cidadanía nos seus valores.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade do posicionamento xurídico, político e administrativo da arquitectura está recoñecida polas institucións da Unión Europea, que instan aos estados membros a implantar as políticas de sensibilización e recoñecemento da arquitectura, salientando o seu interese público polo impacto na identidade cultural e no progreso económico ao propiciar a innovación e a sostibilidade.

    Precísase, polo tanto, un marco lexislativo de máximo nivel que defina o seu obxecto e ámbito de xeito que faga esixible esta toma de conciencia ao redactar ou aplicar outras normas que atinxan á arquitectura. En consecuencia, trázanse unhas liñas mestras que non pretenden a modificación da lexislación vixente senón a súa coordinación, baixo o prisma aglutinador da arquitectura.

    Este proxecto de lei complementará o disposto na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, e no Código Técnico da Edificación, para garantir a calidade das construcións, o que redundará na mellora da calidade de vida das persoas e a súa relación co seu entorno. Asemade, atendendo á Resolución do Consello de Europa do 12 de febreiro de 2001, fomentarase un mellor coñecemento desta disciplina e do deseño urbanístico, e procurarase unha maior sensibilización e formación dos/as promotores/as e da cidadanía respecto da cultura arquitectónica, urbana e paisaxística, culminando a senda iniciada hai 20 anos co Proxecto Terra.

    Ademais, e consonte as directrices da Unión Europea, a arquitectura en Galicia é unha profesión titulada de colexiación preceptiva. Semella así oportuno afondar nas posibilidades de colaboración entre Administración e colexios profesionais para acadar os obxectivos desta lei. En primeiro termo temos, evidentemente, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, mais non pode ser o único interlocutor, xa que a arquitectura tamén se nutre de disciplinas complementarias, como son as enxeñerías, e de todas as manifestacións artísticas e de perspectiva histórica e social, imprescindibles para alcanzar a complexidade do proceso arquitectónico, urbanístico e paisaxístico.

    A nova norma debe ter en conta, así mesmo, que lle compete á Administración non só unha función de regulación, senón tamén o papel de promotora, velando nese caso pola busca da calidade tamén nos procesos de contratación. Á Xunta de Galicia, que ten competencia en Educación e Patrimonio Cultural, compételle promover a educación sobre a arquitectura e sobre o patrimonio construído.

  • Obxectivos:

    • Potenciar o recoñecemento da arquitectura como elemento básico para a mellora do entorno construído, contribuíndo á protección e salvagarda do patrimonio natural e cultural.
    • Impulsar a calidade da arquitectura pola súa capacidade de dar resposta ás necesidades actuais da cidadanía, o que repercutirá na mellora da calidade de vida das persoas.
    • Poñer en valor a arquitectura como elemento que está unido á configuración histórica da paisaxe, polos seus valores patrimoniais, de identidade e polas súas características construtivas respectuosas co entorno.
    • Contribuír ao desenvolvemento sostible do modelo de asentamento poboacional no territorio da nosa comunidade autónoma, e facilitar o impulso da rehabilitación e renovación do patrimonio construído, mellorando a habitabilidade, a accesibilidade universal e a supresión de barreiras, a eficiencia enerxética e a adaptación ás novas formas de vida e de traballo.
    • A procura da simplificación normativa e a axilización de trámites.
    • Contribuír a desenvolver o potencial de crecemento económico e de emprego que ten a arquitectura.
    • Creación do Consello da Arquitectura de Galicia, con representación dos colexios profesionais e institucións do ensino, as artes e as empresas, e con funcións de asesoramento, seguimento, proposta e comunicación, cun senso transversal.
    • Establecer as condicións para a posible delegación nos colexios profesionais de funcións das Administracións que atinxen directamente á arquitectura, como os informes de calidade arquitectónica e adecuación ao patrimonio cultural ou a elaboración de catálogos, especialmente os de arquitectura contemporánea.
    • Fomentar o ensino, a divulgación e a sensibilización, especialmente na xente nova, sobre a arquitectura como ben e actividade de interese xeral e social que incide directamente na calidade do entorno construído, na relación e benestar das persoas, a cohesión social sen desigualdades e a sostibilidade ambiental, económica e enerxética.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existe solución alternativa.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 38