Antecedentes:
O artigo 45.2 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, establece que as persoas usuarias poderán remitir queixas e reclamacións directamente á unidade de inspección de servizos sociais co fin de que as avalíe e, cando proceda, realice as actuacións oportunas. O artigo 6 i) da mesma norma sinala como unha obriga das entidades prestadoras de servizos sociais a de remitir á inspección de servizos sociais unha copia das reclamacións presentadas no libro de reclamacións dos centros dos que son titulares ou xestoras.
Con esta orde facilítase a presentación das queixas e reclamacións que interpoñen directamente as persoas usuarias destes centros, así como as que achegan as entidades titulares ou xestoras dos mesmos que se presentan no correspondente libro de reclamacións.
Asemade, a través desta orde modifícase a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, e a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social.
Esta modificación motívase na necesidade de adaptar e flexibilizar a configuración e determinados requisitos específicos destes centros á realidade e ás necesidades actuais, dada a antigüidade destas normas.
Problemas que se pretenden solucionar:
Con esta nova norma preténdese facilitar as xestións que tanto os cidadáns e as cidadás como as entidades prestadoras de servizos sociais teñen que realizar para achegar á inspección de servizos sociais as queixas e reclamacións en materia de servizos sociais.
Asemade, coa modificación da normativa prevista preténdese adaptar a configuración e determinados requisitos específicos dos centros de atención a persoas maiores e dos centros de inclusión ás necesidades e esixencias actuais, dado o paso do tempo dende a aprobación da normativa que os regula. O transcurso do tempo e a experiencia acumulada poñen de manifesto a necesidade de adaptar os requisitos específicos destes centros á actualidade normativa e á realidade dos mesmos.