Decreto polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia - Amtega

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 18/12/2019 - 17/01/2020

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia promove a creación do Marco galego de competencias dixitais, para dar resposta á necesidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contexto no que as relacións coa Administración e a vida cotiá requiren o emprego continuado do uso de tecnoloxías da sociedade da información.

    A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en adiante Amtega) ten entre os seus obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións, así como innovación e desenvolvemento tecnolóxico. Entre as súas funcións inclúese o deseño e a coordinación dos plans formativos en materia de tecnoloxías da información e de boas prácticas no uso dos sistemas de información, así como a xestión dos programas de capacitación dixital do empregado público, en coordinación cos órganos competentes en materia de formación. Igualmente, inclúense nas súas funcións a planificación e coordinar, coa colaboración dos departamentos e institucións con competencias en programas de formación, programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías.

    Neste contexto, unha das actuacións fundamentais para o desenvolvemento deste Marco galego de competencias dixitais establecido pola Lei 4/2019 é a aprobación da certificación galega de competencias dixitais, regulación que substituirá as previsións establecidas polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, o coñecido como CODIX.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A certificación é a ferramenta adecuada para a medida obxectiva do nivel de competencias dixitais. Proporciona unha proba dos coñecementos e das habilidades, acreditando que se obtiveron os resultados nunha avaliación producida seguindo métodos apropiados, en condicións controladas, por organizacións autorizadas, e que coinciden cunha norma claramente definida e recoñecida.

    A norma, por tanto, pretende establecer a regulación desta certificación, así como do rexistro galego de competencias dixitais.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia prevé, nos seus artigos 106 e seguintes, o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais para dar resposta á necesidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contexto no que a relación coa Administración e a vida cotiá require o emprego continuado do uso de tecnoloxías da sociedade da información.

    Neste contexto, unha das actuacións fundamentais para o desenvolvemento deste Marco galego de competencias dixitais establecido pola Lei 4/2019 é a aprobación da certificación galega de competencias dixitais.

    A presente normativa desenvolve, por tanto, as previsións establecidas na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, motivo este polo que, toda vez que se trata do desenvolvemento dunha norma con rango de lei, deberá adoptar a forma de Decreto.

  • Obxectivos:

    Os obxectivos do presente decreto son o establecemento da regulación do certificado galego de competencias dixitais, en desenvolvemento das previsións establecidas nos artigos 106 e seguintes da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia; así como da regulación da certificación galega de competencias dixitais.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O presente decreto desenvolve as previsións establecidas na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a cal prevé expresamente o desenvolvemento dun Marco galego de competencias dixitais. Este marco, como desenvolvemento dunha norma con rango de lei, deberá adoptar a forma de Decreto, motivo este polo que non existe alternativa á elaboración do regulamento que se pretende.

  • Rango da norma:

    Decreto