Orde pola que se regula o establecemento dunha tarifa específica para a xente nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Mobilidade

Departamento: Consellería de Infraestruturas e Mobilidade - Dirección Xeral de Mobilidade

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 30/10/2019 - 05/11/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Xunta de Galicia, xunto coas administracións municipais das principais aglomeracións urbanas de Galicia, puxo en marcha o Plan de transporte metropolitano de Galicia (PTMG), consistente nun conxunto de programas dirixidos a potenciar a utilización do transporte público colectivo. Un dos eixes de actuación prioritarios deste PTMG é o programa de integración tarifaria, a través da ordenación da oferta de transporte e o abaratamento do custo por viaxe ás persoas usuarias.

    A política tarifaria aplicada no eido do Plan de Transporte Metropolitano supón unha especialidade respecto do marco tarifario xeral previsto no eido da nosa comunidade autónoma. Esta especialidade baséase en que se trata dun programa específico destinado a fomentar o uso do transporte público e afecta ás tarifas aplicables ás persoas usuarias.

    O antecedente normativo da orde da que se inicia a súa tramitación é a Orde da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, do 8 de agosto de 2016, pola que se regula o establecemento dunha tarifa específica para a xente nova no eido do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia (DOG nº 161, do 26 de agosto de 2016).

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    • Esténdese o colectivo de aplicación para cubrir un segmento máis amplo de idade dentro da xuventude.
    • Incrementar o ámbito territorial de aplicación coa implantación progresiva a toda Galicia.
    • Prever a posibilidade de innovación tecnolóxica, podendo acordar a habilitación doutros medios tecnolóxicos equivalentes que complementen ou, incluso, substitúan a Tarxeta Xente Nova como medio tecnolóxico habilitado para a aplicación da Tarifa Xente Nova.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Tarxeta Xente Nova presenta unha utilización cada vez maior por parte da poboación de 4 a 18 anos nas áreas nas que é aplicable e agora preténdese incrementar o segmento de idade atendido e, progresivamente, a ámbitos territoriais superiores aos das áreas de transporte metropolitano. Promóvese así a mobilidade neste colectivo, cunha serie de consecuencias positivas derivadas, entre as que destacan a maior integración social, formativa e laboral da infancia e da xuventude e a redución do uso do vehículo particular por parte de pais e nais encargados/as do seu traslado, coa consecuente diminución do impacto ambiental.

  • Obxectivos:

    Promover a mobilidade sostible na xente nova e a súa integración social, formativa e laboral, facilitando o acceso ao transporte público de Galicia nun segmento de idade máis amplo dentro da xuventude.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    • Bonificacións para o uso do transporte público na xuventude.
    • Concienciación sobre as vantaxes do uso do transporte público.
    • Establecer medios de pago do transporte público cómodos e eficientes para a poboación.
  • Rango da norma:

    Orde