Decreto polo que se desenvolve o réxime de concerto para a prestación de servizos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 12/06/2019 - 27/06/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG núm. 131, do 12.07.2016), introduciu o concerto social como modalidade contractual diferenciada do concerto xeral recollido na norma xeral de contratos do sector público.

    A Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública recolle nos considerandos 6 e 7 a liberdade da que gozan os Estados membros para organizar a prestación dos servizos sociais obrigatorios ou de calquera outro servizo, como os servizos postais, os servizos de interese económico xeral ou os servizos non económicos de interese xeral, ou unha combinación de ambos, así como definir o seu ámbito de aplicación e as características do servizo.

    A adaptación da normativa básica en materia de contratación ás Directivas 2014/23/CE e 2014/24/CE tivo lugar a través da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Esta lei recolle, entre outras consideracións sociais, no artigo 11.6 a exclusión do seu ámbito de aplicación dos servizos sociais por entidades privadas, sempre que esta se realice sen necesidade de subscribir contratos públicos, a través, entre outros medios, do simple financiamento destes servizos ou a concesión de licenzas ou autorizacións a todas as entidades que cumpran as condicións previamente fixadas polo poder adxudicador, sen límites nin cotas, e que o devandito sistema garanta unha publicidade suficiente e se axuste aos principios de transparencia e non discriminación. Pola súa parte a disposición adicional cuadraxésimo novena indica que o establecido na lei non obsta para que as comunidades autónomas, no exercicio das competencias que teñen atribuídas, lexislen articulando instrumentos non contractuais para a prestación de servizos públicos destinados a satisfacer necesidades de carácter social.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A prestación de servizos sociais precisa que a selección das entidades que os prestan respondan a criterios sociais e as condicións de execución se rexan pola experiencia e calidade na atención. Ao mesmo tempo a asignación de servizos ás persoas usuarias debe facerse buscando a elección da persoa, a atención personalizada, o arraigamento e proximidade ao entorno e a continuidade da prestación ao longo do ciclo de vida dos beneficiarios.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Pasado un ano dende a entrada en vigor da nova lei de contratos, que supuxo a completude do marco normativo contractual, considérase que é o momento oportuno para iniciar o desenvolvemento da figura do concerto social como instrumento para a xestión indirecta de servizos públicos.

  • Obxectivos:

    O obxectivo da norma é desenvolver a figura do concerto social recollida na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (artigos 33 bis a 33 septies) de acordo cos termos e condicións recollidos na mesma.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non se consideran outras posibles solucións para o desenvolvemento desta figura por vir esta forma esixida por norma de rango legal.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2