-
Antecedentes:
O artigo 148.1.15º e 17º da Constitución Española prevé que as comunidades autónomas poidan asumir competencias en materia de museos do seu interese e en materia de fomento da cultura.
Neste senso, o Estatuto de Autonomía de Galicia dispón no seu artigo 27.18 que "no marco do presente Estatuto, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de museos de interese para a Comunidade Autónoma, e que non sexan de titularidade estatal".
Ata o ano 1995, a única normativa que existía en Galicia en materia de museos era o Decreto 314/1986, do 16 de outubro, de regulación do sistema público de museos da Comunidade Autónoma. Foi nese ano, 1995, cando se publica a Lei 8/1995, de 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, que adica un dos seus títulos aos museos. Posteriormente, esta lei derrógase coa actual Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, cuxo título VIII está adicado aos museos. Con todo, non existe na nosa comunidade autónoma unha lei adicada en exclusiva ás institucións museísticas.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Con esta lei preténdese encher un baleiro legal en Galicia no que ao ámbito museístico se refire. Falta unha lei que estableza o réxime xurídico tanto dos museos como doutros centros de carácter museístico, tales como as coleccións museográficas e os centros de interpretación do patrimonio cultural.
Ao mesmo tempo, quérese regular o establecemento dun sistema galego de centros museísticos, como estrutura organizativa e funcional na que se integren os centros dos que estamos a falar, a fin de mellorar a súa xestión.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Tendo en conta que a actual regulación en materia de centros museísticos en Galicia provén do Decreto 314/1986, do 16 de outubro, de regulación do sistema público de museos da Comunidade Autónoma (moi obsoleto a día de hoxe), así como polo título VIII da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, absolutamente insuficiente para dar resposta a todas as necesidades derivadas do funcionamento, da xestión, das novas funcións que asumen os museos na sociedade contemporánea e mesmo dos retos que deben afrontar pola súa natural evolución conceptual e funcional, faise imprescindible contar cunha lei que determine cal é o réxime xurídico aplicable aos museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural en Galicia.
Non debe esquecerse, por outro lado, que o acceso á cultura é un dereito de todas as persoas, previsto no artigo 44 da Constitución Española, e os poderes públicos teñen a obriga de facilitar, de promover e de tutelar ese acceso. De forma particular, o noso Estatuto de Autonomía prevé no seu artigo 4.2 que os poderes públicos de Galicia facilitarán a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social. Neste senso, os centros museísticos eríxense en instrumentos cos que darlle efectividade á previsión constitucional e estatutaria. Esta relevancia esixe dunha regulación propia e autónoma.
En consecuencia, fai falta unha lei que regule estes centros e dote de seguridade xurídica ao sector, potenciando a súa actividade e impulsando novas dimensións funcionais que, en definitiva, converten estes centros en importantes activos culturais, pero tamén turísticos e económicos.
-
Obxectivos:
- Dotar os museos e demais centros museísticos dunha lei propia que regule por vez primeira na nosa comunidade autónoma os museos e demais centros museísticos.
- Crear un sistema galego de centros museísticos.
- Mellorar a estrutura, o funcionamento e a xestión destes centros.
- Adecuar a concepción dos centros museísticos á realidade contemporánea, na que máis aló das tarefas de conservación e exposición do patrimonio cultural galego nas súas diversas manifestacións, deben realizar funcións no ámbito da investigación, educativo, social e económico.
- Visibilizar máis e mellor a actividade destes centros.
- Poñer en valor os centros obxecto da regulación.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A situación descrita fai imprescindible a aprobación dunha norma con rango de lei, non contemplándose outras alternativas para afrontar a realidade que queda exposta.
-
Rango da norma:
Lei