Lei de impulso demográfico de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Departamento: Consellería de Política Social - Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 04/02/2019 - 18/02/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Galicia está a experimentar de cheo o fenómeno que se coñece como Segunda Transición Demográfica, un proceso caracterizado polo paso de altas taxas de natalidade, que eran necesarias para asegurar a reposición poboacional, e unha igualmente elevada taxa de mortalidade, producida a todas as idades e, en especial, na etapa infantil e xuvenil, a unha natalidade reducida debido a que conseguen altas taxas de supervivencia desde a infancia e desfrutan de longas traxectorias de vida. Esta situación, común a todos os países desenvolvidos, prolóngase dende os anos 70 do século pasado. Así pois, o actual réxime demográfico de Galicia, de modo parello ao de España e Europa, caracterízase polo envellecemento da estrutura por idades da súa poboación, ao ter una alta proporción de individuos en idades avanzadas.

    O feito de que as persoas vivan máis anos e en mellores condicións é un éxito incuestionable que non obstante formula, e moito máis se se produce como o está a facer nun contexto de caída da fecundidade, diferentes retos que requiren dunha resposta integral e coordinada dos poderes públicos e de toda a sociedade. Esta situación agudízase nas áreas rurais de Galicia, que con intensidade variable e coa excepción das situadas no contorno das cidades e o Eixo Atlántico, veñen sufrindo un despoboamento xeneralizado, debido primeiro a unha acusada emigración cara ás áreas urbanas ou outras zonas de España e nos últimos tres decenios como consecuencia do saldo vexetativo.

    Neste contexto é preciso articular unha resposta política coordinada que permita:

    • Remover os obstáculos que dificultan que as galegas e os galegos poidan emanciparse e desenvolver en Galicia o seu proxecto vital e familiar e ter o número de fillos e fillas que desexan.
    • Favorecer o envellecemento activo e saudable da poboación e que as persoas poidan permanecer no contorno habitual o maior tempo posible, considerando por outra banda as oportunidades que brinda este colectivo (cobertura de necesidades, novas solucións técnicas, produtos específicos etc.).
    • Impulsar as oportunidades de emprego e potenciar a estrutura económica das áreas rurais, para aproveitar ao máximo o seu potencial, mellorando o acceso da poboación e das empresas localizadas nestas áreas a bens e servizos básicos.
    • Atraer nova poboación e capital a todo o territorio, con especial énfase no rural.
  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A norma pretende ser unha ferramenta útil para acometer os desafíos derivados do cambio demográfico que está a vivir Galicia, incorporando previsións que permitan acadar a súa sostibilidade demográfica.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Os efectos do cambio demográfico son cada vez máis notables desde o punto de vista económico, social e ambiental, tanto a escala europea como nacional, autonómica e local. É evidente a incidencia deste cambio sobre a sostibilidade do Estado do Benestar, fundamentalmente pola presión sobre os sistemas de pensións, de saúde e sobre os servizos sociais de atención ás persoas maiores e ás persoas dependentes. Tamén repercutirá no mantemento dos ecosistemas tradicionais e da propia rede de infraestruturas, incidindo no desenvolvemento dos distintos territorios, debido á tendencia á concentración da poboación nos núcleos urbanos. A xestión desta situación obriga a adoptar unha visión sistémica e a abordar os distintos desafíos dun modo transversal e interdisciplinar incorporando os factores poboacionais non só no deseño e desenvolvemento das políticas públicas senón tamén na actuación dos distintos axentes sociais e económicos que operan no territorio.

  • Obxectivos:

    Esta norma ten por obxecto establecer un marco xurídico que dea resposta aos diversos desafíos derivados do cambio demográfico.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non cabe alternativa á elaboración desta lei dado o seu carácter global e transversal e sen precedente normativo anterior.

  • Rango da norma:

    Lei