Decreto polo que se regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións na sede electrónica da Xunta de Galicia no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o seu funcionamento ordinario

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia - Amtega

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 12/07/2018 - 05/08/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu artigo 32.4, introduce dentro da regulación da ampliación dos prazos, e como nova causa que xustifica tal medida, que “cando unha incidencia técnica imposibilitase o funcionamento ordinario do sistema ou aplicación que corresponda, e ata que se solucione o problema, a Administración poderá determinar unha ampliación dos prazos non vencidos e deberá publicar na sede electrónica tanto a incidencia técnica acontecida como a ampliación concreta do prazo non vencido”.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Naqueles procedementos tramitados a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, cando no último día do prazo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións se produza unha incidencia técnica que imposibilite o funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia e, por tanto, a imposibilidade de presentar calquera tipo de documentación, prevese a posibilidade de ampliación de prazos.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    O anteproxecto responde á necesidade de establecer, en exercicio das competencias autonómicas en materia de procedementos administrativos que se deriven do específico Dereito galego e da organización propia dos poderes públicos galegos e de desenvolvemento normativo e execución da lexislación do Estado en materia de réxime xurídico da Administración pública galega, unha ampliación de prazos non vencidos para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións nos supostos de produción de incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia cando tales incidencias afecten á última hora do prazo de que se trate ou imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica durante, polo menos, tres horas ininterrompidas durante as doce últimas do devandito prazo. Todo iso na procura de incrementar a seguridade xurídica da actuación administrativa, de facilitar as relacións electrónicas da Administración coa cidadanía con plena garantía dos seus dereitos e de mellorar a xestión e a transparencia.

  • Obxectivos:

    Definir un protocolo de actuación no caso de incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia, na procura de incrementar a seguridade xurídica da actuación administrativa, facilitar as relacións electrónicas cos administrados, mellorar a xestión e a transparencia e adecuar a organización ás prescricións normativas en vigor.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O presente decreto desenvolve o artigo 10 da Lei 3/2013 "Os proxectos de obra pública promovidos polas administracións públicas de Galicia no ámbito das súas respectivas competencias deberán prever, na forma que regulamentariamente se determine, a instalación de canalizacións relativas aos servizos de comunicacións electrónicas, así como a reserva de espazos adecuados para equipamentos de telecomunicacións e para localizacións de radiocomunicacións".

    Dado que o devandito artigo xa prevé que deberán determinarse regulamentariamente as infraestruturas a instalar non cabe alternativa á elaboración dun regulamento como o que se pretende.

  • Rango da norma:

    Decreto