-
Antecedentes:
O número 6 do artigo 58 da Lei do deporte de Galicia preveu que o mandato dos membros da asemblea xeral e da presidencia das federacións deportivas galegas fose de catro anos, período que se establece con carácter xeral para a renovación dos órganos de gobernos colexiados, e estableceu a previsión de que esa renovación se debe levar a cabo nos anos en que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno. Disponse tamén que as federacións deportivas galegas desenvolverán os procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e de representación de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que se deberán axustar ao disposto na normativa que para tal efecto estableza a Administración autonómica.
A través do Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, establecéronse as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Cómpre adaptar a norma vixente á nova realidade derivada da situación provocada pola COVID-19, fortalecendo o voto por correo ao mesmo tempo que se garante a total transparencia e seguridade do desenvolvemento do proceso electoral.
Asemade cómpre modificar a actual norma con respecto á composición e duración da xunta electoral, aos efectos de posibilitar que profesionais de recoñecido prestixio e licenciados/as en dereito poidan formar parte dela, os requisitos das persoas electoras e elixibles á asemblea xeral, para mellorar a ponderación e representatividade dos distintos estamentos federativos, e e o réxime de aprobación e publicación do censo electoral.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
No exercicio 2022 é preciso desenvolver un proceso electoral para a renovación dos órganos de goberno das federacións deportivas galegas, polo que se fai preciso aprobar as modificacións oportunas no Decreto actual de cara a garantir un proceso electoral con todas as garantías de transparencia necesarias.
-
Obxectivos:
Modificar o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se estableceron as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, de cara a garantir un adecuado desenvolvemento do próximo proceso electoral para a renovación dos órganos de goberno das federacións deportivas galegas en 2022.
Así preténdese modificar o réxime do voto por correo, a composición e duración da xunta electoral, os requisitos das persoas electoras e elixibles á asemblea xeral, e o réxime de aprobación e publicación do censo electoral.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe soamente se contempla como solución a modificación do actual Decreto.
-
Rango da norma:
Decreto